Bombeiros en folga reúnense con Rueda en Vigo: "Levabamos meses sen falar nin negociar"

Os bombeiros tamén protestaron no pleno desta terza feira na Deputación de Lugo, de onde foron desaloxados tras berrar consignas como de 'Bombeiros, solución'.
Protesta dos bombeiros en folga na cidade de Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera Protesta dos bombeiros en folga na cidade de Vigo (Foto: Europa Press).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reuniuse esta terza feira con bombeiros comarcais en folga que levaron a súa mobilización até un hotel en Vigo con motivo dun acto do titular do Goberno galego. Así, mantiveron un encontro de máis dunha hora que terminou sobre as 14.30 horas, no cal tamén participou o presidente popular da Deputación de Pontevedra, Luis López.

Á saída do encontro, o presidente do comité de folga, Ángel Moldes, destacou que esta reunión "valeu" para avanzar. "O presidente abriuse a convocar mesa negociadora a próxima semana", asegura.

"A semana que vén convocarán outra reunión e empezaremos a falar da negociación sobre as condicións de traballo que expuñamos no convenio que presentamos", subliña.

"Meses sen poder falar"

"É un avance", afirma, xa que levan "meses sen poder falar, sen poder negociar". Todo iso a falta de que se feche unha data para esa reunión á que se prevé que acudan sindicatos, o vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, e representantes das Deputacións.

Con todo, Moldes sostén que se manterán as medidas de presión acordadas en asemblea. Prevén levar a cabo unha acampada na compostelá Praza do Obradoiro e, se segue o conflito enquistado, iniciar unha folga de fame nos parques comarcais cando Alfonso Rueda convoque eleccións galegas.

Os bombeiros tamén protestaron no pleno desta terza feira na Deputación de Lugo, de onde foron desaloxados tras berrar consignas como de 'Bombeiros, solución'.

Así mesmo, este colectivo levou as súas reivindicacións esta mesma xornada até o recinto feiral de Silleda (O Deza), onde se celebra II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes. Alí colocaron pancartas de 'Bombeiros en loita' e informaron da súa situación aos asistentes.

Os bombeiros comarcais, que levan en folga desde o 15 de xuño, reclaman un convenio colectivo a nivel galego, maior dotación de medios técnicos e de recursos humanos, así como emprego fixo de acordo coa doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022.

Comentarios