Axentes ambientais e forestais reclaman condicións de traballo dignas

axentes forestais e ambientais

Axentes ambientais e forestais de toda Galiza manifestáronse en Compostela para reclamar un acordo que regule as súas condicións laborais fronte ás pretensións de Función Pública de incrementarlles aínda máis a xornada que xa realizan. A marcha partiu dende a Consellaría de Medio Ambiente ao berro de "axente forestal, dignidade laboral" e rematou diante do edificio administrativo de San Caetano.

Dende a representación sindical lembran que o colectivo de axentes ambientais e forestais leva dende 2007 sen un acordo laboral que regule cuestións fundamentais para este persoal funcionario da Xunta como o horario e xornada, plano formativo, permisos, segunda actividade, compensacións por exceso horario, especial responsabilidade e riscos asociados ás funcións como a toxicidade, penosidade e turnicidade, entre outros.

Agora, critican, coa escusa da urxencia para ter listas as faixas de seguridade dos núcleos rurais, estradas, vías do tren, liñas eléctricas, etc., ante o inicio da temporada de lumes; a dirección xeral de Función Pública pretende impor un aumento das gardas de case o 50%, “ampliando a excesiva carga horaria de máis de 190 horas ao mes, durante seis meses”, que xa teñen.

Comentarios