sábado 16/01/21

As auxiliares denuncian que a nova Dirección de Barreras non liquidou a débeda

As auxiliares presentarán unha demanda para que a dirección do estaleiro vigués pague as cantidades adebedadas.
Representantes das industrias auxiliares acredoras do estaleiro Hijos de J Barreras. (Foto: Nós Diario)
Representantes das industrias auxiliares acredoras do estaleiro Hijos de J Barreras. (Foto: Nós Diario)

As industrias auxiliares integradas na mercantil Uninaval (Unión de Industrias Navais Ría de Vigo) denuncian a falta de pagamentos por parte do estaleiro Hijos de J. Barreras.

Segundo sinalan as auxiliares a través dun comunicado remitido por Asime, a patronal do sector do metal, seguen sen cobrar dos proxectos de Havila e a navieira Armas mentres agardan garantías de cobro do restante 50% da débeda inicial do Evrima, tal e como se comprometeu o estaleiro no acordo asinado coa nova dirección, polo que moitas destas empresas retomaron os traballos dentro de Barreras. 

Agora, apuntan, "estanse a incumprir os prazos de pagamento e de tramitación de pedidos que a nova Dirección de Barreras pactara connosco. A principios de outubro pediron tempo, esperar ao 15 do mesmo mes, onde trasladarían novidades que mellorarían a nosa situación e a  previsión de cobranza, pero máis dun mes despois, seguimos sen ningún avance sobre a débeda inicial pendente de pago e acumulando novos atrasos e riscos nos traballos actuais", denuncian.

Como medida para previr estes riscos, as auxiliares optaron por retirar persoal do estaleiro, o que derivou na contratación de novos provedores sen ter resoltas débedas anteriores.

Nesta liña, destacan tamén que a empresa está facendo pagos parciais da nova débeda xerada só ás firmas que precisan para continuar coa obra.

"Fomos tremendamente flexíbeis e comprensivos, apoiando a viabilidade do estaleiro nos seus momentos máis difíciles. Pedimos seriedade, esta situación é insostíbel, e máis nos tempos que corren a causa da Covid-19, onde é complexo fechar contratos e as nosas empresas precisan liquidez".

Ante esta situación, anuncian que nos vindeiros días, 18 firmas presentarán unha demanda conxunta reclamando cobrar as cantidades adebedadas.

comentarios