Barreras pide tres meses ás auxiliares para pagar a débeda

O estaleiro vigués fecha o acordo de refinanciamento coa banca. Desde México, López Obrador fala dunha 'mala herdanza'.
Entrada o estaleiro Hijos de J. Barreras (Europa Press).
photo_camera Entrada o estaleiro Hijos de J. Barreras (Europa Press).

Semana crucial para o futuro do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras. O vindeiro 2 de febreiro remata o período de preconcurso e as auxiliares, ás que a empresa debe arredor de 25 millóns de euros, poderían instar a concurso da sociedade. A quebra do histórico estaleiro é unha posibilidade na que de momento non quere pensar a directiva, que vén de fechar un acordo de refinanciamento coa banca acredora que lle permitirá rematar o cruceiro de Ritz-Carlton, asumindo a compañía os sobrecustos, que superan os 60 millóns de euros.

Nunha carta remitida ás máis de 170 empresas afectadas pola delicada situación económica que atravesa o estaleiro, Barreras ofrece un prazo máximo de tres meses para saldar as súas débedas a cambio de que as auxiliares se comprometan a non iniciar acción algunha para reclamar a súa débeda. Está por ver se as empresas acredoras aceptan ou se, polo contrario, instan o concurso de acredores, unha situación que poría en xogo a continuidade do cadro de persoal e a viabilidade do propio estaleiro.

Co refinanciamento xa fechado, o cambio na xestión parece inminente, xa que era unha das condicións da petroleira mexicana Pemex, máximo accionista con 51% do capital, e Albacora para cederlle a Ritz-Carlton os seus dereitos políticos na compañía. Pero cos cartos non é suficiente, e desde o sector reclaman un plan de viabilidade para o estaleiro que garanta a carga de traballo e aclare o futuro dos compromisos coas navieiras Havila e Armas.

Pola súa banda, o presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, falou hai uns días da participación da empresa pública mexicana no capital do estaleiro galego. Referiuse ás "desvantaxosas" condicións nas que herdaron o estaleiro. "Pese a ter maioría, as decisións tomábanas outros", denunciou o dirixente, quen apuntou que esta situación "estase ordenando xa" co cambio na xestión.  

Comentarios