luns 03/08/20

As auxiliares de Alcoa queren contar nunha posíbel negociación de venda da factoría

O futuro do persoal que depende da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) vai máis alá dos 534 postos de traballo directos dos que fala a multinacioal. A coordinadora do persoal das auxiliares presionou esta sexta feira 10 de xullo visitando as alcaldías de Cervo (PP) e Foz (PSOE) para que trasladen aos Gobernos da Xunta e do Estado español a solicitude dunha reunión que poña o foco na súa problemática.  
Persoal das auxiliares de Alcoa no concello de Cervo (Nós Diario)
Persoal das auxiliares de Alcoa no concello de Cervo (Nós Diario)

O persoal das empresas auxiliares que traballan para Alcoa en San Cibrao, Cervo, seguen sen ter resposta ás peticións expresas de información das intencións da Xunta da Galiza e do Goberno español en relación ao futuro da factoría da multinacional norteamericana. Até agora estiveron presentes nas reunións telemáticas entre Administracións, empresa e comité mais só como "asesores" a petición dos sindicatos.

O inicio do proceso de negociación do expediente de regulación de emprego (ERE) que puxo en marcha Alcoa o día 25 de xuño deixou fóra de campo as auxiliares que malia enviar unha carta conxunta desde a súa coordinadora, co apoio das direccións das empresas, ven como se lles está a deixar á marxe nun proceso que afecta 1.000 traballadoras e traballadores.

Por este motivo esta sexta feira 10 de xullo varios representantes das auxiliares de Alcoa San Cibrao desenvolveron dúas accións reivindicativas, primeiro na casa do Concello de Cervo, e despois na casa do Concello de Foz, para demandar dos alcaldes locais que medien diante das Administracións, para que atendan a solicitude dunha reunión na que se fale do seu futuro e das negociacións de posíbeis compradores da factoría de aluminio da Mariña

Respostas diferentes de PP e PSOE

Kike Rocha, voceiro da coordinadora do persoal das auxiliares, sinala a Nós Diario que o obxectivo das accións de onte foi trasladarlles unha carta aos alcaldes de dous municipios implicados por esta situación para que falasen cos seus respectivos partidos políticos que teñen responsabilidade na Xunta e no Goberno español. 

"A resposta foi diferente nas dúas visitas", asegura Rocha, “no caso do alcalde de Cervo, Alfonso Villares (PP), atendeu a reivindicación mais insistiu en que agora atenden á problemática do prezo da enerxía e en solucionar a tarifa eléctrica", explica, "cando a nosa problemática é ben diferente aínda que vai parela ao futuro da factoría situada nese municipio". Na visita ao concello de Foz o seu alcalde, Fran Cajoto (PSOE), compartiu a súa preocupación e, segundo Rocha, "comprometeuse a remitir a solicitude a senadores e deputados en Madrid para que teñan esa reunión co Ministerio de Industria". 

En xogo 1.000 postos de traballo

O silencio por parte de Alcoa e das Administracións está a crear un fondo malestar entre o persoal de todas as auxiliares. Rocha lembra que non só está en xogo o futuro de 534 postos de traballo que Alcoa recolle no seu ERE, senón que hai outros 400 postos das subcontratas e contratas en risco "dos que parece que ninguén se acorda", e que no seu conxunto, no complexo da multinacional de San Cibrao traballan máis de 1.000 persoas. 

O voceiro da coordinadora lembra os últimos movementos que se realizaron por parte do Goberno español e dos que non teñen unha información completa. "Escoitamos aínda esta semana a Raúl Blanco que traballan nunha posíbel venda da factoría e que iría ligada aos postos de traballo", explica, "queremos que aclare cales son eses postos de traballo", engade. As empresas auxiliares tampouco teñen esa información. Dez delas contan con contratos dos que depende todos os seus ingresos.

O seu fechamento sería seguro e afectaría unhas 300 persoas. "Falta que nos digan se a nova empresa que merque as instalacións ten que facerse cargo dos contratos entre Alcoa e empresas auxiliares", indica Rocha, "é unha dúbida que ninguén nos solucionou en todo este tempo", sentencia. Desde a coordinadora de empresas auxiliares admiten que aínda que se arranxe o problema principal, que sería a continuidade da factoría en Cervo, "non significa que os noso postos de traballo sigan en vigor".   

comentarios