Autónomos exixen un plan de choque contra a sinistralidade laboral: "Os datos son inaceptábeis"

A estatística recolle a mesma cifra de falecementos que no ano anterior.
Traballador autónomo na súa tenda (Foto: Arxina).
photo_camera Traballador autónomo na súa tenda. (Foto: Arxina).

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar), integrada a nivel estatal na Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), denunciou esta terza feira a morte de sete traballadoras por conta propia na Galiza por accidentes laborais durante 2023.

Este dato supón repetir a mesma cifra rexistrada un ano antes, despois de contabilizarse máis de 2.000 accidentes de traballo, dos cales 85 catalogáronse como "graves", 11 máis que en 2022. Deste total, 81 foron durante a xornada laboral e catro in itinere (no desprazamento ao lugar de traballo ou deste ao domicilio particular).

"Os datos de sinistralidade laboral do colectivo de traballadores por conta propia son inaceptábeis, é unha secuela que seguimos padecendo no noso colectivo e pasamos, para a maioría das Administracións públicas, absolutamente desapercibidos", criticou o presidente de UPTA, Eduardo Abad.

A asociación incidiu no aumento das doenzas relacionadas con patoloxías psicolóxicas derivadas dos riscos psicosociais, trastornos derivados do alto nivel de exixencia ao que están a ser sometidos, sobre todo, os profesionais que desenvolven traballos ou servizos para un cliente único ou principal.

"A precariedade das condicións nas que estes traballadores autónomos, na súa maioría dependentes ou semidependentes, desenvolven as súas actividades, están a desembocar en patoloxías que forman parte da pandemia que azouta as novas formas de traballo", lamentou Agtamar.

Plan de choque

Por iso, exixen ao Ministerio de Traballo e Economía Social, liderado por Yolanda Díaz (Sumar) un "plan de choque" que centre os seus obxectivos na concienciación sobre a necesidade de coñecer e previr os riscos no traballo.

Comentarios