Secretaria Xeral de CCOO na Galiza

Amelia Pérez, nova secretaria xeral de CCOO: "Hai que combinar o binomio de mobilización e negociación"

Amelia Pérez Álvarez foi elixida onte como secretaria xeral de CCOO na Galiza no  XII Congreso que a organización realizou en Compostela. Convértese na primeira muller en liderar este sindicato a nivel galego. Obtivo o apoio do 63,2% dos votos emitidos nunha cita marcada pola división interna e a renuncia do seu predecesor.
A nova secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez Álvarez, onte no XII Congreso do sindicato (Arxina).
photo_camera A nova secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez Álvarez, onte no XII Congreso do sindicato (Foto: Arxina).

-Hai oito anos foi a primeira muller en chegar á secretaría xeral de CCOO en Vigo e agora é  a primeira en selo a nivel galego. Imprimirá un significado especial no sindicato?

Como dicía no meu discurso marcar un fito por ser a primeira muller secretaria xeral das CCOO da Galiza mais tamén do resto de organizacións de clase. Rompemos teito de cristal por fin e imos no camiño de conseguir esa igualdade que reclamamos. Eu sempre digo que o século XXI é das mulleres.

-Foi difícil esa progresión dentro do sindicato partindo da base?

Foi unha aprendizaxe brutal, tendo en conta que ademais eu comecei na organización co compañeiro Pepe Cameselle, falecido en 2013, nunhas épocas moi convulsas cando acababa de chegar o PP ao Goberno español e pasou a apisoadora con aquelas reformas que aínda temos enriba da mesa e pedimos derrogar.

Tamén con mobilizacións e manifestacións continuas que para min foron unha aprendizaxe sindical e persoal. Nesta organización hai moitas compañeiras e compañeiros, o lado humano hai que telo en conta no ámbito sindical. Moitas veces o día a día lévanos e o plano persoal hai que telo en conta. 

En todos os congresos, polo menos nos de CCOO, é raro que haxa unha soa candidatura

-Este foi un congreso con movementos de última hora como a renuncia a presentarse de Ramón Sarmiento e outra candidatura final. Hai diferentes sensibilidades en CCOO na Galiza?

Creo que en todos os congresos, polo menos nos de CCOO, é raro que haxa unha soa candidatura. Levo vinte anos na organización e todos os que lembro sempre había candidaturas alternativas. Vai na idiosincrasia de CCOO o proceso de debate nos congresos. Eu tómoo con normalidade, son lances lexítimos que se producen dentro do ámbito do proceso congresual mais unha vez que fechamos toca remar todos xuntos. Veñen tempos moi complicados e iso é o fundamental.

-Eses tempos son de pandemia e crise económica. Seguirá as liñas de traballo que se marcaron estes últimos anos?

A estratexia non a marca a secretaria xeral, é algo que marca a organización. Ao final o principio básico é a defensa dos intereses da clase obreira. Hai que combinar o binomio de mobilización e negociación que é imprescindíbel para afrontar esas situacións. Ao final a estratexia vén marcada polo día a día. A organización, que ten músculo, afrontará o cambio de paradigma e de ciclos produtivos e para iso necesita ter cohesión na súa estrutura.

No eido do sindicato temos a estrutura territorial e a federal, cada unha con competencias diferenciadas no que o campo de acción sindical está nas federacións aínda que nos procesos de mobilizacións participamos todas e todas. Por esa parte interna que lle toca ao territorio facer escoitaremos e xeraremos sinerxías que son necesarias para que a organización funcione. 

-Confía na palabra da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, cando afirma que derrogará as reformas laborais antes de decembro?

Creo que até o de agora a ministra cando se comprometeu con algo sacouno adiante. Hai que ter en conta que nese Goberno español de coalición hai dous partidos con dúas sensibilidades que poden condicionar as decisións nos consellos de ministras e ministros. Entendíamos que había un tempo prudente para agardar e a pandemia da Covid-19 cambiou a axenda. Nós levamos desde febreiro facendo mobilizacións na rúa, pedindo o incremento do salario mínimo interprofesional e a derrogación da reforma laboral e das pensións. Entendo que as cousas teñen o seu tempo.

Cónstame que hai conversas nese sentido. Os políticos moitas veces márcanse prazos non sei se para ser prudentes ou non. Se a ministra de Traballo se comprometeu con algo creo que na súa axenda está cumprilo.

-E en caso de que non fose así?

Nese caso haberá mobilizacións. Todo ten o seu tempo mais non se poden alongar eternamente. Se ao final non hai un acordo porque unha parte da mesa non quere o Goberno español ten que tomar decisións, está no seu programa electoral derrogar a Reforma Laboral.

-Procede de sectores moi feminizados como é o téxtil e o comercio, con grandes grupos empresariais, que propoñen despedimentos. Cal tería que ser a resposta sindical?

Hai moitas multinacionais que están aproveitando a conxuntura da crise para tomar decisións drásticas como son os expedientes de regulación de emprego (ERE). Pasa tamén cos bancos que recibiron cantidades inxentes de diñeiro e agora toman decisións indecentes. A resposta é a de mobilización e negociación. Pasa con H&M e Abanca. Ese é o binomio mellor para afrontar esa problemática.  

-As empresas que reciban fondos europeos deberían comprometerse co emprego?

Os proxectos teñen que ser serios e comprometerse co emprego. Hai que exixirlles, como dicía Antón Costa, que non poden ser mercantís que só obteñen beneficios e pagan ao operarios por uns servizos. Hai que pedirlles unha responsabilidade territorial, social e institucional.

Comentarios