Ramón Sarmiento renuncia a un segundo mandato á fronte de CCOO na Galiza

Anunciouno na súa intervención de apertura do XII Congreso do sindicato. Amelia Pérez Álvarez (Moaña, 1970) perfílase como nova secretaria xeral.

Ramon sarmiento CCOO
photo_camera Sarmiento, durante a intervención na que anunciou que non recuncaría (Foto: CCOO)

"Ramón Sarmiento irá para a súa empresa". Así anunciou Ramón Sarmiento, na inauguración do XII Congreso de CCOO Galiza, que non recuncará como secretario xeral desta organización. Un anuncio que colleu por sorpresa a boa parte dos presentes, que lle tributaron unha gran ovación.

Ramón Sarmiento e Amelia Pérez disputaranse o liderado de CCOO no seu congreso, que decorre quinta e sexta feira en Compostela baixo o lema 'Con decisión para avanzar'.

"Na medida que puiden fun un activo para a organización, pero tamén tedes o meu compromiso de que non vou ser un estorbo", dixo ao finalizar a súa intervención de defensa do informe da secretaría xeral.

A decisión de Sarmiento abre a porta a que Amelia Pérez Álvarez (Moaña, 1970) sexa a nova secretaria xeral de CCOO na Galiza. Pérez leva máis de dúas décadas afiliada a Comisións Obreiras, desde 1998. Traballadora do comercio, é delegada sindical en Zara en Vigo desde 1999.

Durante varios anos foi secretaria de organización da unión comarcal de CCOO de Vigo e o últimos oito foi a súa secretaria xeral, primeira muller en asumir esta responsabilidade. Pérez tomou a substitución do histórico sindicalista vigués José Cameselle en 2012 e revalidou o seu mandato no congreso comarcal de 2017. O pasado mes de abril anunciou que non optaría a unha nova reelección e substituíuna Montserrat Carrera.

En declaracións aos xornalistas, Amelia Pérez explicou que "ao longo dos últimos meses" houbo "varias organizacións" no seo do sindicato que lle propuxeron encabezar unha candidatura alternativa. "Valoreino e, ao final, cando parte dunha organización che pide dar un paso adiante, o compromiso e a militancia lévante a afrontar estas decisións", sinalou.

A sindicalista destacou que "afronta con alegría e ilusión" este "reto importante". "Se ao final todo sae ben, serei a primeira muller en dirixir o sindicato en Galicia e creo que sería un fito importante para Comisións Obreiras", apuntou.

Dun estaleiro vigués á secretaría xeral

Ramón Sarmiento Solla (Baiona, 1973) é militante de Comisións Obreiras desde 1997. Aos 20 anos comezou a traballar nos estaleiros vigueses Barreiras -en excedencia desde maio de 2013- e dous anos máis tarde xa formaba parte do comité de empresa.

En 2004 incorporouse á organigrama sindical, exercendo distintas responsabilidades no sector naval, incluído o de responsábel estatal. En 2012 entrou a facer parte da dirección da unión comarcal de CCOO de Vigo, que compatibilizou coas súas responsabilidades no sindicato comarcal de CC.OO.-Industria de Vigo. No XI Congreso Nacional de CCOO, en maio de 2017, foi elixido secretario xeral da organización sindical.

Comentarios