Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO na Galiza: "Pediría a Alfonso Rueda que escoite máis, porque non adoita facelo"

Este domingo, 10 de marzo, conmemórase o Día da Clase Obreira Galega. Con motivo desta sinalada data, 'Nós Diario' conversa coa secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, sobre a vixencia das reivindicacións de 1972 e sobre os problemas actuais que sofre a clase traballadora galega.
A líder do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia,  Amelia Pérez (Foto: Nós Diario).
photo_camera A líder do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, Amelia Pérez (Foto: Nós Diario).

Ferrol acolle este domingo a ofrenda floral que Comisións Obreiras levará a cabo no Monumento ao 10 de Marzo. Acto seguido, ás 12.30 horas partirá a manifestación desde Navantia até o citado monumento. Nós Diario entrevista Amelia Pérez, líder de CCOO na Galiza sobre a situación da clase traballadora con motivo do 10 de Marzo.

—Que significado ten para CCOO a data do 10 de marzo?
Significa todo. Para nós é unha data emblemática, histórica polo que representa en relación cos desgraciados acontecementos dos asasinatos en 1972 de Daniel e Amador. Foi algo que marcou o devir da historia, non só na Galiza senón tamén no Estado español. O Día da Clase Obreira Galega é unha data emblemática que representa as orixes, o presente e tamén o futuro.

—Esta data dá nome a fundación que CCOO promoveu, a Fundación 10 de Marzo.
A fundación implica o que di o seu lema, recuperar memoria para construír futuro, algo que tamén conseguen os Premios 10 de Marzo. A última entrega dos galardóns, que tivo lugar o pasado sábado, recoñeceu a traxectoria, por exemplo, de José Antonio Urís Guisantes, vicepresidente da Asociación para a recuperación da memoria do campo de concentración de Camposancos. 

Despois de tantos anos parece incríbel que siga existindo unha especie de tabú para que se fale do que aconteceu durante moito tempo, e polo tanto é importante ese papel da fundación e a recuperación da memoria para que as novas xeracións coñezan o que pasou, así como que haxa consenso na reparación da represión que existiu. E por desgraza, aínda quedan moitas persoas asasinadas nas cunetas deste país sen que aínda se lles poida dar descanso.

—O 10 de Marzo debería ter máis apoio institucional?
Si, e esta cuestión non pode causar fractura na sociedade. Todas e todos somos conscientes daqueles feitos e aquí non teñen nada que ver as ideoloxías políticas. Mesmo cando foi o 50 aniversario quixemos falar de que pasase a ser festivo, porque cremos que é unha data importantísima, mais parece que polo de agora non existe o consenso necesario para que isto se faga realidade.

—Cales son as frontes reivindicativas máis importantes que ten abertas hoxe CCOO?
Acabamos de pasar por unhas eleccións galegas e a Galiza ten moitos retos. Non queremos que nos trasladen historias nin problemas do resto do Estado, nin tampouco os 'pim pam pum' aos que nos teñen acostumado. 

Aquí temos un reto coas infraestruturas, coa recuperación industrial, coa demografía ou coas residencias e cun modelo de xestión da dependencia que é imprescindíbel mudar. Tarefas hai abondo, no ámbito do emprego hai que seguir mellorando as condicións, subiu o salario mínimo e temos unha reforma laboral que está dando resultados mais hai que afondar nos sectores dos coidados e aqueles altamente feminizados. Outra cuestión primordial, que ten que ver coa situación dos nosos mozos e mozas, é o tema da vivenda, no que ten que haber unha aposta clara por parte dos distintos Gobernos, dános igual a nivel autonómico que estatal. Falamos, neste sentido, da existencia dun parque público de vivenda que permita o acceso ao mesmo dos mozos e das mozas, así como a xente traballadora en xeral.

—Como valoraría a relación sindical coa Xunta?
Cando se aprobaron os orzamentos a final do pasado ano, fixen unha análise na que afirmaba que a Xunta podería facer moito máis a nivel de políticas activas de emprego. Temos ademais unha demanda clara de reforzar os servizos públicos, sobre todo en sanidade, educación e política social. A dependencia sabemos como está, coas lista de agarda que existen. Máis alá de ideoloxías, entendo que o Goberno galego pode facer moito máis, nos últimos anos descendeu o peso da Galiza comparativamente co resto Estado dunha forma moi importante en varias facetas, tanto en poboación activa como en políticas industriais, por non falar da saída da mocidade que non ve un futuro aquí. Non sei que vai facer o señor Alfonso Rueda co seu novo Executivo, mais pediríalle que escoitase, porque non acostuman facelo.

Cando se fan propostas, máis alá da ideoloxía, é para mellorar a vida da xente e a situación deste país, e agardo que os conselleiros e as conselleiras que nomee teñan peso político e que saiban do que teñen que falar e sobre o que teñen que facer.

—Para CCOO os últimos datos de emprego non son negativos, mais constatan que continúa a precariedade. Como se podería resolver esta problemática?
A reforma laboral está dando resultados mais hai sectores, sobre todo os altamente feminizados, que seguen estando nunha situación moi precaria. Descendeu a cantidade de contratos temporais, mais agora hai que ir a pola calidade no emprego.

Comentarios