Alcoa, todo pendente da nova poxa

O comité de empresa, sindicatos e mesmo a patronal agardan a convocatoria do Ministerio de Industria que podería ter lugar na cuarta feira.

Manifestación Alcoa Coruña
photo_camera Manifestación Alcoa na Coruña [Imaxe CIG]

Após a segunda xuntanza entre a dirección de Alcoa e o comité de empresa, en León, o cadro de persoal e a transnacional agardan a convocatoria da nova poxa que se podería producir esta cuarta feira. As posicións entre @s representantes d@s traballador@s e a dirección da aluminia continúan confrontadas e o futuro da planta da Coruña mantense ligado ás decisións que adopte o goberno español. 

Neste senso, embora fontes gobernamentais declinaren especificar que día terá lugar a poxa dos 600-700 megavatios que ficaron sen adxudicación, a patronal e o comité de empresa prevén que se produza esta cuarta feira 17 de decembro.

Así, @s operari@s das factorías de Coruña e Avilés demandaron á delegación da transnacional deslocada até León que retiren o conxunto de medidas de axuste --nomeadamente o despedimento colectivo-- até coñeceren o resultado da poxa. Aliás, rexeitaron o marco negociador proposto por Alcoa e néganse a que as medidas laborais sexan negociadas conxuntamente entre Avilés e Coruña. 

José Manuel Soria comparece esta tarde no Senado para responder ás preguntas sobre o proceso de interrumpibilidade e a tarifa eléctrica para grandes empresas

Pola súa banda, a incertidume amosada pola aluminia reside na fórmula que empregará o Ministerio de Industria para proceder á adxudicación dos megavatios. Alcoa precisa --segundo di a súa dirección-- 90 MW para garantir a súa "competitividade" no mercado. Así, demandan que o reparto se produza en blocos maiores que na anterior ocasión (5 MW) e que a poxa se produza á baixa. 

Esta tarde (16 de decembro) o ministro de Industria, José Manuel Soria, comparecerá no Senado para responder ás preguntas sobre o proceso de interrumpibilidade e a tarifa eléctrica para as grandes industrias no que --segundo Alcoa-- reside o cerne do conflito. Na súa intervención o responsábel español de Industria podería aclarar algúns destes interrogantes. 

Que é a interrumpibilidade?

A interrumpibilidade é unha retribución, unha bonificación, que obteñen os grandes grupos industriais, grandes consumidores de enerxía eléctrica, en teoría para colaborar en que non se produzan apagadas do sistema (cando a demanda for superior á oferta, absteríanse de botar man da rede, interrumpirían o seu servizo). Sería, portanto, unha compensación.  Esta situación de desaxuste xa non se produce, o que na práctica torna a interrumpibilidade nun sistema de axudas públicas para rebaixar a tarifa eléctrica.

Ficar fóra da poxa é tanto como competir en inferioridade de condicións con empresas si beneficiarias do sistema.

Comentarios