Alcoa, fóra de tempo

En cuestión de horas, na mañá desta segunda feira 28 de setembro, iniciará a mesa negociadora entre o persoal de Alcoa e a empresa, logo de que esta noite rematase o prazo dado pola multinacional para explorar a venda da fábrica ou iniciar un ERE que afectará máis de 1.000 traballadoras e traballadores. 
Mobilización onte, domingo 27 de setembro, na Mariña contra o feche de Alcoa.
photo_camera Mobilización onte, domingo 27 de setembro, na Mariña contra o feche de Alcoa.

As e os traballadores da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo) están convocados esta segunda feira, 28 de setembro ás 12 horas, a participar na mesa negociadora coa empresa que, nun principio, quería realizar este encontro en Madrid. Finalmente será no Pazo de Cea do municipio de Nigrán.

Esta noite rematou o prazo dado pola multinacional para explorar a venda da fábrica ou iniciar un ERE extintivo que afectará máis de 1.000 traballadoras e traballadores do complexo industrial, contando tamén o persoal das auxiliares.

O persoal defende a continuidade da fábrica e incrementou a mobilización nos últims días, protagonizando un feche de 24 horas o sábado nos concellos de Cervo e Viveiro, que contaron co apoio dos rexedores de ambos os consistorios, e xa o domingo, as e os traballadores, ataviados co seu uniforme e xunto á veciñanza e representantes políticos, saíron da estación de ferrocarril de Xove para demandar unha solución que evite o feche da factoría.

O último comunicado de Alcoa sinalaba que as posturas na negociación coa empresa Liberty House estaban moi distantes. Os atrancos, segundo a multinacional norteamericana, viñan polo control da refinaría de alúminia e pola parada das cubas.

 As negociacións entre as multinacionais e os Gobernos español e galego foron intensas nestas últimas horas. O comité de empresa e os sindicatos non deixaron de presionar para que o proceso rematase en acordo mais non esquecen que hai unha última saída para salvar os postos de traballo. "O Goberno español ten que intervir a planta se Alcoa decide parala", demandan. Esta solución, solicitada polo BNG no Parlamento pero sen apoio da maioría da Cámara, segue presente máis alá do remate das negociacións. "Aínda que cheguemos ao día 28 a Alcoa non se lle vai asinar unha parada de cubas baixo ningún concepto", explicou esta semana Paulo Carril a Nós Diario, "hai que impedir que o faga a través dunha intervención pública".

Comentarios