“- abusos + respecto”: convocan greve en Citroën contra o abusivo das cargas e ritmos de traballo

CIG, CUT e CCOO critican os “ouvidos xordos” da empresa perante unha situación con graves consecuencias. Arredor de 400 dos 5.500 empregados da factoría viguesa atópanse e baixa, a metade dende hai máis de seis meses. Vídeo no interior

citroen @cutcitroen
photo_camera Imaxe de @cutcitroen

CIG, CUT e CCOO presentaron esta sexta feira a convocatoria de greve para o vindeiro día 15 de xullo, unha convocatoria de paro de 24 horas que vai dirixida a todas as quendas e todos os sistemas da factoría. Estas centrais explican que as “abusivas cargas e ritmos de traballo” que se quer establecer pola empresa nas liñas de produción vai ser unha volta de porca a unha situación xa de por si insostíbel.

A dirección de Citroën tomou a decisión de incrementar a cadencia de traballo a partir deste mes de xullo, cando está previsto que se fabriquen nove vehículos máis en cada unha das tres quendas. Na actualidade arredor de 400 dos 5500 empregados da factoría viguesa atópanse e baixa, a metade dende hai máis de seis meses, por mor do alto ritmo de produción, que ten efectos directos sobre a saúde dos operarios.

Os sindicatos lamentan os “ouvidos xordos” da dirección a pesar de levar máis dun mes pedindo solución para este esta problemática. As 200 novas contratacións anunciadas pola empresa tampouco acaban de convencer as centrais, que salientan que non son de abondo. O cadro de persoal está a sufrir unhas condicións moi duras de ritmos de traballo, difíciles de aguantar.

A pasada fin de semana máis de mil persoas secundaron a manifestación convocada por estes tres sindicatos para protestar polo incremento dos ritmos de traballo baixo o lema “- abusos + respecto”. Chamaban tamén o cadro de persoal de montaxe da factoría a  non acudir ao seu posto coincidindo coa xornada de traballo extraordinaria este sábado, día 8. Agora, a través da convocatoria de greve, denuncian a actitude mantida pola empresa e procuran que acepte someterse ao AGA (O Acordo galego de solución extraxudicial de conflitos no traballo) para tratar os problemas de traballo de sobrecarga no cadro de persoal.

Comentarios