Desconvocada a folga do persoal da piscifactoría Insuíña

A convocatoria das tres xornadas de folga para esta semana, e que tería carácter indefinido a partir do 19 de decembro, foi a resposta das traballadoras e dos traballadores ante a negativa reiterada de Insuíña de non sentar a negociar, indican desde a CIG.
Persoal de Insuíña durante unha das súas concentracións (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal de Insuíña durante unha das súas concentracións (Foto: Nós Diario).

O cadro de persoal da piscifactoría Insuíña vén de acordar nas asembleas decorridas esta cuarta feita en Xove e Mougás (concello de Oia) a decisión de desconvocar a folga prevista para os días 15, 16 e 17 de decembro.

Esta decisión foi adoptada após o laudo arbitrarial que se emitíu a pasada terza feira no cal o mediador insta a empresa a iniciar o proceso de negociación dun convenio colectivo propio, da mesma maneira que xa existe noutros centros de traballo do grupo Nueva Pescanova.

No laudo arbitral apóstase pola negociación colectiva estatutaria dadas as garantías, a seguridade xurídica e estabilidade que achega un convenio colectivo, en contraposición ás pretensións da empresa de conseguir un novo pacto de melloras das condicións laborais.

Na resolución tamén destaca o feito de que nos pactos asinados nos anos anteriores coa representación social xa se recollía a vontade das partes de avanzar nun convenio colectivo propio que conseguise unificar as condicións de traballo dos tres centros de Insuíña.

Da mesma forma, o mediador propón como prazo máximo para iniciar a negociación o primeiro cuadrismestre do ano 2023, polo que a constitución da mesa de negociación non pode demorar moito mais alá dese período.

“Non hai que esquecer que a representación do persoal de Xove e Mougás leva dende o ano 2016 pelexando polo dereito a ter un convenio propio e desde abril do pasado ano apelando a empresa para que sente negociar”, manifestan desde a Confederación Intersindical Galega (CIG).

A convocatoria das tres xornadas de folga para esta semana, e que tería carácter indefinido a partir do 19 de decembro, foi a resposta das traballadoras e dos traballadores ante a negativa reiterada de Insuíña de non sentar a negociar.

A representación da CIG en Insuíña subliña que o persoal leva “anos coas condicións laborais, económicas e sociais conxeladas e mesmo perdendo dereitos con respecto aos compañeiros e compañeiras do grupo Nueva Pescanova e ao resto do persoal do sector”.

"Toca seguir na loita"

Agora, tras o laudo favorábel “toca seguir na loita para conseguir un convenio colectivo realmente digno”, acrecentan desde a CIG.

Comentarios