Seguimento de 100% na folga de persoal de limpeza da Cidade de Cultura, en Compostela

Esta terza feira, día 12 de decembro, concentraranse, a partir das 11 da mañá na capital galega.
Persoal de limpeza da Cidade da Cultura protesta esta terza feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal de limpeza da Cidade da Cultura protesta esta terza feira (Foto: Nós Diario).

100% das traballadoras e traballadores do servizo de limpeza da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela (excepto os servizos mínimos) secundaron esta segunda feira a folga de 48 horas convocada en demanda de que se "dignifiquen as súas condicións laborais", segundo informou a Confederación Intersindical Galega (CIG).

Esta terza feira, día 12 de decembro, concentraranse, a partir das 11 da mañá diante da propia Cidade da Cultura.

"Coincidindo con esta convocatoria, traballadoras e traballadores concentráronse pola mañá, fregona en man, diante do edificio administrativo da Xunta da Galiza, en San Caetano, para denunciar a discriminación que sofren respecto do resto de persoal de empresas privadas con concesións de servizos de limpeza da administración autonómica, porque teñen condicións diferentes", salientaron desde o sindicato nacionalista.

Segundo denunciou Paulo Rubido, representante da CIG, agardan aínda unha xuntanza na cal poder abordar a actual situación.

Rubido lembrou que o persoal reclama a "súa equiparación co resto de traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza da Administración pública" porque, ademais de ter retribucións anuais "inferiores en 2.000 euros" ao resto de persoal que desenvolve a súa actividade para a Administración, "traballan 4 horas á semana máis e non dispoñen de ningún día de asuntos propios".

Neste sentido, Rubido sinala que o persoal leva anos reclamando que se "homoxeneicen as condicións laborais de toda a limpeza da Administración".

“Pódese dicir que practicamente só queda a Cidade da Cultura sen equiparar”, afirma.

Intentos de negociación

O representante da CIG lembra que se solicitou formalmente, hai 10 meses, unha xuntanza coa Consellaría de Cultura para abordar esta situación e que fora recollida nos novos pregos a equiparación das condicións laborais, "pero seguimos agardando".

Perante desta situación, continúan coas mobilizacións e con estas dúas novas xornadas de folga nas que as "súas fregonas amarelas volverán ser símbolo dun sector que merece dignidade".

Comentarios