Persoal da piscifactoría Insuíña en Xove e Oia convoca folga en demanda dun "convenio propio"

As traballadoras e traballadores das piscifactorías que a empresa Insuíña ten en Xove e en Oia e das oficinas centrais de Chapela (Redondela), acordaron ir á folga os días 15, 16 e 17 de decembro
Persoal de Insuíña durante unha das súas concentracións (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal de Insuíña durante unha das súas concentracións (Foto: Nós Diario).

As traballadoras e traballadores das piscifactorías que a empresa Insuíña ten en Xove e en Oia e das oficinas centrais de Chapela (Redondela), acordaron ir á folga os días 15, 16 e 17 de decembro para demandar á empresa que "sente a negociar un convenio colectivo que permita avanzar na equiparación das súas condicións coas que xa ten o resto do persoal do grupo Nueva Pescanova".

Así o comunicou a Confederación Intersindical Galega (CIG) que engadiu que se a empresa "segue sen atender esta xusta reivindicación, a folga pasará a ter carácter indefinido a partir do 19 de decembro".

"A representación social dos centros de Xove e Mougás (Oia) leva desde abril do pasado ano intentando que a empresa se abra a negociar un convenio propio que mellore as condicións laborais, salariais e sociais, en cumprimento do recollido no acordo para regular as condicións de traballo que finalizou en 2020", acrecentan desde o sindicato nacionalista.

A mesa de negociación

Naquel momento, a empresa propuxo atrasar a constitución da mesa de negociación até que se publicara o convenio colectivo do grupo Nueva Pescanova que se estaba a negociar naquela altura.

Finalmente, e despois de novas demoras, en xuño deste ano tiveron lugar dúas reunións previas á negociación do convenio de Insuíña nas cales as posturas da dirección e da parte social ficaron totalmente distantes.

Mentres, e segundo a CIG, "a empresa pretende reeditar os pactos de articulación das condicións de traballo cando a representación do persoal demanda un convenio propio que permita unificar as súas condicións coas que xa teñen os compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo".

"A pesar de que os traballadores e traballadoras de ambos centros ratificaron en asemblea a aposta por un convenio propio, Insuíña négase a negocialo escusándose en que está a negociar un Plan de Igualdade e na proximidade das eleccións sindicais, limitándose a propor outro pacto de mellora", cualifica o sindicato.

Concentracións

O persoal de Insuíña xa realizou dúas concentracións os días 24 de novembro e 1 de decembro, mais "ante a falta de avances" decidiron ir á folga.

Comentarios