Nove de cada dez traballadores galegos a tempo completo beneficiaríanse da redución da xornada a 37,5 horas

Industria e construción serían os sectores con maior porcentaxe de traballadores beneficiados, e Galiza o segundo territorio con máis persoal afectado positivamente.
Persoal de enxeñaría traballando nunha factoría cun alto grao de automatización e dixitalización. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal de enxeñaría traballando nunha factoría cun alto grao de automatización e dixitalización. (Foto: Nós Diario).

O 92% dos asalariados galegos a tempo completo beneficiaríanse da redución da xornada legal a 37,5 horas, o que suporía un total de 556.000 persoas, segundo cifras achegadas esta terza feira por Comisións Obreiras. Así, partindo dos microdatos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre do ano, o gabinete económico confederal de CCOO elaborou un estudo no que tamén se desprende que a redución da xornada afectaría máis intensamente os homes retribuídos asalariados a tempo completo no sector privado (93,2%) que ás mulleres nesa mesma situación (82,1%).

Aliás, a redución de xornada laboral sería máis beneficiosa para os traballadores indefinidos a tempo completo, que nun 89,4% dos casos teñen xornadas pactadas superiores a 37,5 horas, que para os temporais a tempo completo, dos que se verían afectados o 83,1%.

Industria e construción, os máis beneficiados

Industria e construción serían os sectores con maior porcentaxe de traballadores beneficiados desta redución, con perto de 98%; é dicir, a práctica totalidade. En canto aos territorios, Galiza sería o segundo con maior porcentaxe de beneficiarios, só por detrás da Rioxa (92,1%), e por diante de Castela-A Mancha (92%). Pola contra, Ceuta (70,8%), Melilla (73,1%), Euskadi (83,2%) e Andalucía (84,9%) serían os que menos se beneficiarían.

Por outra parte, o sindicato aclarou que este estudo non ten en conta os traballadores nin os empregados do sector público, onde arredor de 83% ten xa unha xornada semanal pactada igual ou inferior a 37,5 horas.

Comentarios