Educación

Éxito na segunda xornada de folga das escolas infantís, con 80% de seguimento

As traballadoras piden desbloquear a negociación.
2023-10-25_ACorunha_FolgaEscolasInfantis_010
photo_camera Concentración esta cuarta feira na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Centos de traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, na etapa 0-3 anos, volveron saír á rúa esta cuarta feirapara reclamar un convenio colectivo xusto, con salarios e condicións laborais dignas e que se recoñeza o valor do seu traballo.

Nesta segunda xornada da folga convocada por CIG, CCOO, e SNEP, rexistrouse un seguimento de arredor do 80%, segundo as convocantes, e as traballadoras manifestáronse polas cidades de Vigo e da Coruña exixíndolle á patronal o desbloqueo das negociacións dun convenio que xa foi superado polo SMI.

Durante esta xornada e nos días previos, as traballadoras estiveron repartindo nas distintas escolas infantís —na Galiza hai unhas 200— un comunicado informando das súas condicións laborais e salariais e dos motivos que levaron á convocatoria destas catro xornadas de folga.

O responsábel do sector privado da CIG-Ensino, Enrique García, destacou a boa recepción por parte das familias xa que "entenderon as reivindicacións das traballadoras, que tamén son por un servizo de maior calidade para os seus fillos e fillas".

"Traballadoras pobres"

Ao remate das mobilizacións desta cuarta feira, varias traballadoras  deron lectura a un comunicado no que denuncian que "o noso salario non supera o SMI e non alcanza 60% do salario medio. Segundo a Carta Social Europea, somos traballadoras pobres".

Reivindicaron unhas condicións salariais acordes co traballo  que desenvolven, a formación que se lles exixe e a responsabilidade que teñen que asumir no seu día a día, "xa que non existe unha correlación entre aptitudes e retribucións e, ademais, subxace unha discriminación ao colectivo polo mero feito de ser maioritariamente feminino".

Comentarios