Amplo seguimento na Galiza do paro da banca, con varias oficinas fechadas durante dúas horas

"Un ano de beneficios récord só vai para aumentar o bonus dos directivos e a retribución dos accionistas, pero esquecendo as persoas que realmente xeran eses beneficios, que son os traballadores das entidades", censura Jorge Villarino, de CCOO.
Oficina do Banco Santander fechada esta mañá na rúa Concheiros de Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera Oficina do Banco Santander fechada esta mañá na rúa Concheiros de Santiago. (Foto: Europa Press)

O paro de dúas horas —de 8 a 10h— no sector da banca, convocado en todo o Estado español esta segunda feira polos sindicatos FINE, UXT e CCOO, contou cun amplo seguimento na Galiza, onde se puideron observar numerosas oficinas fechadas á primeira hora da mañá.

En declaracións á axencias Europa Press, o responsábel do sector Financeiro de CCOO-Servizos na Galiza, Jorge Villarino, destaca un "seguimento moi intenso" no país, onde alcanzou "practicamente o 90%" en entidades como Santander, BBVA ou Caixabank, o que provocou un atraso na apertura e oficinas fechadas temporalmente.

A este respecto, subliña que o paro dos traballadores evidencia a súa "fartura" e "desengano" coa patronal, xa que "un ano de beneficios récord só vai para aumentar o bonus dos directivos e a retribución dos accionistas", pero "esquecendo as persoas que realmente xeran eses beneficios, que son os traballadores das entidades".

Os sindicatos convocaron un paro de dúas horas esta segunda feira, 26 de febreiro, para o conxunto dos 152.000 empregados e empregadas do sector financeiro a nivel estatal, 7.600 deles na Galiza, como medida de presión para pedir unha mellora nas condicións salariais no marco das negociacións dos convenios colectivos que se están a producir estas semanas.

O 22 de marzo está convocada unha folga de 24 horas no sector en todo o Estado con motivo das xuntas de accionistas que se organizarán de CaixaBank e Banco Santander. E paralelamente a estas mobilizacións, a CIG, xunto con ELA, SEC e Intersindical, convocou unha folga na Galiza esta quinta feira, día 29, nos bancos pertencentes á Asociación Española de Banca (AEB) en demanda de melloras do convenio colectivo.

Demandas sindicais

Os sindicatos piden melloras salariais de entre 17% e 23% para o conxunto dos catro anos que duren os convenios os convenios colectivos de Banca, Aforro e Cooperativas de Crédito. Porén, as propostas das patronais están aínda lonxe desas revalorizacións.

A última oferta por parte da AEB é unha suba salarial de 8% en catro anos, unha cifra similar á ofrecida polas patronais de Crédito (Unacc e Asemecc), aínda que no seu caso a alza produciríase en tres anos. Do seu lado, CECA decidiu elevar a 7,5% a súa proposta de suba salarial na súa última reunión.

As próximas reunións entre patronais e sindicatos produciranse algunhas semanas antes da folga prevista para o 22 de marzo. En concreto, os representantes dos traballadores organizarán a súa sexta xornada de negociación coa AEB o 29 de febreiro; a cuarta xornada con Unacc e Asemecc o 7 de marzo, e a sétima coa CECA o 12 de marzo.

Comentarios