3.640 profesionais adscríbense ao ERE de Telefónica mentres a CIG denuncia a destrución de miles de empregos

O 14 de febreiro coñecérase a incidencia na Galiza do ERE de Telefónica.
José María Álvarez-Pallete, presidenta de Telefónica (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera José María Álvarez-Pallete, presidenta de Telefónica (Foto: AFP7 / Europa Press).

Un total de 3.640 traballadores e traballadoras (o 14 de febreiro coñecérase a incidencia na Galiza) apuntáronse de forma voluntaria aos expedientes de regulación de emprego (ERE) que Telefónica aplicará nas súas tres principais filiais no Estado (Telefónica de España, Móbiles e Solucións). Até agora admitíronse un total de 3.393 solicitudes, aínda que a cifra final será, no mínimo, de 3.420.

As solicitudes voluntarias para formar parte deste ERE supoñen unha adhesión de 106,4% (sobre as 3.421 saídas acordadas), algo que UXT considera que demostra que as condicións de saída logradas durante a negociación foron "as máis beneficiosas até a data".

O sindicato Sumados-Fetico mostrou a súa ledicia polo volume de adhesión ao ERE e recalcou que "grazas á negociación" conseguiuse que non haxa despedimentos forzosos, algo sobre o que tamén fixo fincapé CCOO.

Críticas da CIG

Porén, desde a CIG son críticos con este ERE, pois segundo explica a Nós Diario o seu representante Henrique Viéitez, "é lamentábel que nunha empresa con beneficios se destrúan miles de empregos, aproximadamente 19% do total". Segundo sinala, "isto xustificouse na falta de carga de traballo, algo que non é certo, como demostra o feito de que se externalice parte da actividade desde hai anos".

"Non se entende que haxa centrais sindicais que colaboren para conseguir este criterio de empresa que non é, nin máis nin menos que, optimizar os beneficios para o accionariado", lamenta o sindicalista da CIG.

"O traballo seguirase facendo, pero nunha situación máis precaria, como tamén pasa nas contratas", engade. Ademais, Viéitez denuncia "o papel pasivo das Administracións, cando algo terían que dicir". "Non vai supor unha mellora na calidade do servizo no que respecto ás persoas usuarias", conclúe.

Comentarios