Só unha de cada tres persoas empregadas da Galiza teñen unha alta cualificación

A taxa de persoal con formación avanzada é de 34% no Estado e 44% na UE.
Investigadora nun dos laboratorios da Universidade de Santiago de Compostela (Foto: Santi Alvite).
photo_camera Investigadora nun dos laboratorios da Universidade de Santiago de Compostela. (Foto: Santi Alvite).

Só 33,1% dos traballadores e das traballadoras da Galiza teñen alta cualificación, unha taxa inferior á porcentaxe media do Estado español, 33,9%, e da Unión Europea (UE), de 44,2%, segundo os datos publicados esta segunda feira nun estudo de Eurostat.

Así, a Galiza ocupa o oitavo lugar entre as autonomías do Estado español, nunha clasificación liderada pola Comunidade de Madrid (46,5%) e por Euskadi (42,2%), e coa rexión de Murcia (28,1%) á cola.

En 2022, había uns 80 millóns de persoas altamente cualificadas empregadas en toda a UE, o que representa 44,2% do total de traballadoras entre 25 e 64 anos. Ademais, 106 das 241 rexións totais da UE tiñan un taxa igual ou superior á media.

As porcentaxes máis elevadas de emprego altamente cualificado rexistráronse en Estocolmo (Suecia, 73,6%), Utrecht (Países Baixos, 68,9%), Luxemburgo (67,4%) e Brabant Wallon (Bélxica, 65,8%). Pola súa parte, as taxas coas cualificación medias máis baixas experimentáronse nas rexións gregas de Sterea Elláda (21,8%) e Ionia Nisia (22,3%), e na rexión romanesa de Sud-Muntenia (22,8%).

As rexións rurais, os antigos núcleos industriais, así como as rexións ultraperiféricas e periféricas están entre as rexións da UE con menor proporción de persoas altamente cualificadas.

Afiliación por sectores

72,9% das afiliacións en alta laboral de persoas que residen na Galiza correspóndese con actividades do sector servizos, 13,9% rexístranse na industria, 5,2% na agricultura e na pesca, mentres que 7,5% na construción, segundo informou esta segunda feira o Instituto Galego de Estatística (IGE) cos datos rexistrados no último día hábil de agosto.

Comentarios