FOLGA ESTA TERZA FEIRA NA áREA DE VIGO

24 horas de greve contra a privatización da sanidade

A Xunta de persoal da área sanitaria de Vigo convoca a mobilización.

Peche Hospital Vigo
photo_camera Encerramento no Hospital de Vigo

Continúan as accións e mobilizacións en defensa da sanidade pública en Vigo. Xunto o encerramento d@s celadores --ao que se sumaron con posterioridade persoal doutras áreas-- esta terza feira terá lugar unha grave de 24 horas que comezará ás 08.00h do dia 13 e rematará á mesma hora da cuarta feira. 

As razóns, explica Araceli Loureiro, integrante do comité de folga e responsábel de CC.OO de Vigo, sitúanse na "conflitividade" que atinxe a área sanitaria viguesa froito da súa "privatización" e da "problemática" xurdida após o traslado, "a calzador", de doentes ao novo hospital, apunta. 

"Temos cadros moi axustados" e iso, denuncia, "repercute nos tempos de dedicación aos doentes"

A listaxe de deficiencias é longa. Ao custe do aparcamento engádeselle a privatización de postos de traballo através de persoal contratado a unha Empresa de Traballo Temporal. "Os Tiga, chámanlles", sinala en relación ás persoas que están a desenvolver as tarefas propias d@s celadores. "Persoal por baixo do requerido en enfermaría" e "corredores máis longos" que no Xeral ou no Meixoeiro. "Temos cadros moi axustados" e iso, denuncia, "repercute nos tempos de dedicación aos doentes". Pacientes, insiste, "que non son entes aos que pinchar" senón "persoas coas que hai que falar e ás que debemos dedicar un tempo mínimo". 

Neste senso, desde a Xunta de persoal da área de Vigo denuncian os prexuízos que están a padecer doentes e familiares coa privatización do hospital Álvaro Cunqueiro. "Vímolo denunciando desde hai 7 anos, mais agora é palpábel", sinala Araceli Loureiro. 

Comida

"Un café custa 1,20€ na cafetería da concesionaria, un menú caso 10 euros", afirma, "un gasto" que --denuncia-- "se lle está a exixir a persoas en paro". Así as cousas, a peor parte están a levala as persoas ingresadas. "Temos problemas coa dieta dos pacientes como parte do seu tratamento". "Denunciamos por activa e por pasiva que non son de calidade". 

As imaxes partilladas através das redes sociais por familiares e profesionais reflicten o estado en que se atopan os menús eleborado pola empresa privada que conta coa concesión do servizo. Neste senso, para alén de teren "reducido" en número as dietas pois, "no Xeral había máis de 60 e agora son 20 e poucas", a comida "chega conxelada ou queimada". 

Coa privatización da cociña os alimentos son preparados "dous ou tres días antes" e conservados "conxelados". Logo, "pásase en carros" por un proceso de desconxelación e quecemento antes de servir. 

Malia todo, @s profesionais perciben a "solidariedade" das persoas ingresadas e tamén das súas familias. "Están connosco", algo que puido verse durante o decorrer do encerramento na entrada do HAC. "Chegan a levarnos auga ou bocatas" como símbolo de apoio, sinala.  

Tampouco a lavandería obtén mellores resultados. Igual que a cociña, foi un servizo privatizado, agora --denuncian-- "é un completo caos" no que "non se gardan os protocolos que se nos exixían" nos anteriores hospitais. 

Esta terza feira, con motivo da greve, o persoal concentrarase ás portas do Meixoeiro e do Cunqueiro pola mañá. Aliás, pola tarde decorrerá unha pequena manifestación ás 18h. "Após a mobilización", advirten, "isto non vai quedar aquí". 

Comentarios