A Xustiza di que as eólicas "ampáranse" no "baleiro legal" da lexislación ambiental

Obras de construción do parque eólico Oribio —Samos—, en 2019, nun espazo pertencente á Rede Natura 2000 (Foto: Plataforma Salvemos O Iribio).
A última sentenza do TSXG contra a aprobación do proxecto modificado do parque eólico Oribio por parte da Xunta evidencia, a ollos dos maxistrados, un "baleiro legal" na lexislación ambiental galega. É a cuarta derrota da Administración galega nos tribunais no que atinxe á planificación eólica.

O Goberno galego recibiu esta semana un novo revés xudicial contra a súa política en materia de enerxía eólica. Así, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de estimar o recurso presentado pola Asociación Sociocultural O Iribio contra o acordo aprobado polo Consello da Xunta o 27 de xuño de 2019 para a modificación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Oribio. Súmase aos interpostos con anterioridade por Adega, Verdegaia, Petón do Lobo, Fundación Oso Pardo e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

O Executivo de Alberto Núñez Feixoo autorizara a instalación dos aeroxeradores nun espazo pertencente á Rede Natura 2000, algo prohibido por lei desde 2014, mais legal no momento en que se emitiu a declaración de impacto ambiental (DIA), en 2005, asinada nos últimos días do Goberno de Manuel Fraga.

A Xustiza entende agora que a DIA está "obsoleta e caducada": "Non existe prórroga da súa vixencia para un proxecto de parque eólico que non foi executado, nin tan sequera iniciado [...], toda vez que a de 2005 non tiña por obxecto as múltiples e diversas actuacións materiais e de ordenación lexislativa que operan sobre o territorio até 2019, cando se pretende executar".

Eivas na normativa de medio ambiente

Na sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, os maxistrados alertan da inseguridade xurídica a respecto dos parques eólicos: "Sendo a Galiza un territorio pioneiro no aproveitamento eléctrico da enerxía eólica, segue existindo un gran baleiro legal en materia ambiental na que se amparan as empresas enerxéticas para levaren adiante os seus proxectos".

Neste senso, apuntan que a Administración "tendeu a unha interpretación tremendamente produtivista, asumindo sen problema que o incremento de potencia e a produción eólica eran netamente positivas en termos ambientais".

Así as cousas, o auto do TSXG sinala que "calquera plan, programa ou proxecto que poida afectar as especies ou hábitats someterase a unha axeitada avaliación, tendo en conta os obxectivos de conservación do espazo, non bastando unha DIA ordinaria ou simplificada, senón que debe avaliar axeitadamente a Rede Natura".

O alto tribunal impón á Administración galega as costas do xuízo até un máximo de 1.500 euros. Así as cousas, contra esta resolución, que aínda non é firme, poderase presentar recurso.

Fragmentación artificial do parque Sasdónigas

O TSXG xa anulara en novembro do pasado ano a aprobación por parte do Consello da Xunta, en 2018, da modificación do proxecto do parque eólico Sasdónigas (Mondoñedo), tramitado por separado en dúas fases, algo que as e os xuíces cualificaron de "fragmentación artificial", xa que "a fase II carece dos elementos e equipamentos precisos para ser considerada unha instalación independente da fase I".

O fallo tamén salientaba que a Consellaría de Medio Ambiente aceptara naquela altura a modificación do proxecto inicial —que data de 2012— como "non substancial", "sen poder considerar a afectación á Reserva da Biosfera".

Aliás, os maxistrados din que non se consideraran todos os impactos negativos deste parque, promovido por Norvento SL, cuxos aeroxeradores atravesarían o Camiño de Santiago.

Anulación do concurso eólico

A maior derrota xudicial da Xunta no que atinxe á planificación eólica chegou en 2018, cando o Tribunal Supremo invalidou parcialmente o concurso eólico de 2010, dous anos despois de que o TSXG o tombase por completo e impuxese unha multa de tres millóns de euros á Administración. Así, a Xustiza estimou un recurso de Capital Energy alegando que as súas propostas non foran valoradas con imparcialidade.

Cómpre lembrar, así mesmo, que Feixoo anulou o concurso eólico do bipartito cando chegou a San Caetano en 2009, unha decisión que o Supremo terminaría invalidando en 2015 ao entender que se trataba dunha "desviación de poder". A Xunta foi condenada a indemnizar as empresas adxudicatarias daquel concurso que recorreran con máis dun millón de euros.