Así o asegura a directora do centro

A Xunta tardou catro días en autorizar a hospitalización de residentes de DomusVi San Lázaro

Familiares acudiron o día 15 de xuño a visitaren residentes nas instalacións de DomusVi San Lázaro, en Compostela. Imaxe: Arxina
Unha carta enviada pola directora da residencia DomusVi San Lázaro, en Compostela, ás familias das persoas usuarias, e á que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, sinala que a Consellaría de Sanidade tardou catro días en dar o visto e prace aos traslados de usuarias e usuarios contaxiados aos hospitais. Tamén asegura que o Goberno galego excluíu das derivacións a centros hospitalarios os grandes dependentes e sinala que non recibiron os tests PCR até o 3 de abril, "14 días despois do brote... sen palabras".

Os cinco primeiros casos positivos en coronavirus na residencia DomusVi San Lázaro, en Compostela, unha das máis afectadas pola pandemia, foron comunicados o 18 de marzo ás 23 horas da noite. Así o asegura nunha misiva enviada ás familias das persoas residente o 25 de abril Gloria García, directora dese centro. Un documento ao que vén de ter acceso en exclusiva Nós Diario.

A Asociación de Familiares da Residencia DomusVi San Lázaro achega a este medio os datos que lle facilitou o Comité de Empresa. "Do total de traballadoras e traballadores, houbo 37 positivos e das 150 persoas residentes, infectáronse 116", afirma unha fonte do colectivo, que desmonta a cifra oficial de falecementos, 22, achegada pola Xunta da Galiza, "foron en total 53 porque non contaron os que deixaron morrer na residencia". Do total de persoas falecidas coa COVID-19 na Galiza, perto de 44% tiveron relación con xeriátricos e do total de mortes en centros residenciais, rexistráronse todas en instalacións de titularidade privada.

Gloria García asegura na carta que unha vez se coñecen os cinco primeiros positivos crean de maneira urxente un "comité de crise" e que o día 19 comezaron a traballar "con grande urxencia" co obxectivo de ingresar esas persoas en hospitais, "pois todos tiñamos claro o que implicaría mantelas no centro". "Non foi até o domingo que desde a Consellaría se nos informa que se derivasen ese mesmo día, pola tarde. E deriváronse ao HM Rosaleda [hospital privado situado no centro da cidade]", acrecenta.

Consultada por Nós Diario, a Consellaría de Sanidade pon de manifesto a través dun correo electrónico que "en ningún caso, nin na residencia DomusVi San Lázaro nin en ningunha outra, deu instrución ningunha para paralizar traslados de pacientes aos centros hospitalarios para o seu ingreso". "A indicación de derivación foi e será sempre clínica", incide. Porén, segundo o documento asinado pola directora de DomusVi San Lázaro, pasaron catro días desde a confirmación dos cinco casos positivos, o 18 de marzo, até a autorización para o seu traslado ao centro hospitalario, o 22 de marzo.

E isto a pesar de que se vía con preocupación o que estaba acontecendo nas residencias da Comunidade de Madrid, onde o 17 de marzo xa se recoñecían 19 mortes no centro concertado Monte Hermoso. Un día despois, cando en DomusVi San Lázaro se confirmaban os primeiros positivos, Madrid aprobaba o protocolo que limitaba ou directamente prohibía o traslado de maiores desde as residencias aos hospitais. Ese mesmo día, o 18 de marzo, Madrid contaba 60 falecementos en xeriátricos.

Sen "soporte" por parte da Xunta

O que estaba acontecendo en Madrid non fixo reaccionar o Goberno de Alberto Núñez Feixoo. "O luns [23] non temos ningunha chamada nin ningunha proposta ou soporte por parte do Sergas", sinala na misiva Gloria García. Ese foi o día en que chegaban da capital de España informacións sobre o achado de cadáveres e anciáns en lamentábeis condicións de salubridade abandonados en residencias. A ministra de Defensa, Margarita Robles, confirmaba a existencia de corpos “abandonados, cando non mortos nas camas”. A Consellaría de Sanidade seguiu sen dar instrucións ao centro DomusVi San Lázaro, di a directora. Tampouco o fixo ao día seguinte.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 16, nos quiosques ou na nube]