Marta Ulloa: "Priorizáronse camas para as persoas novas mentres se deixaron as maiores nas residencias"

Marta Ulloa, vogal da Asociación Galega de Xerontoloxía e directora dunha residencia (Imaxe: Nós Diario).
Marta Ulloa é vogal da Sociedade Galega de Xerontoloxía e directora dunha residencia. Cos casos da COVID-19 entre residentes en remisión, analiza a xestión da pandemia denunciando a permanencia das doentes nos centros e a exclusión das máis dependentes das residencias medicalizadas. 

—Desde a Sociedade Galega de Xerontoloxía emitiuse un comunicado moi crítico coa xestión dos brotes de COVID-19 nas residencias.
Nas residencias contamos con persoas moi dependentes e cun deterioro cognitivo moi avanzado, que é moi difícil illar e controlar. Viamos inviábel manter doentes da COVID-19 nos centros e demandamos un plan que incluíse a súa derivación a centros intermedios ou hospitais. Sen saber como evolucionarían as pacientes, xa pensamos que serían as máis afectadas polas múltiples patoloxías que teñen. No centro que dirixo non rexistramos ningún caso, mais a sensación era a dunha bomba de reloxaría na man. A miña intención foi, en todo momento, tratar de derivar os positivos aos hospitais, a pesar de que contamos con servizo de medicina e enfermaría as 24 horas, o centro non ten ferramentas para ofrecer coidados intensivos. Pareceunos unha aberración que as doentes permanecesen nos centros e tentamos promover, sen conseguilo, que as derivasen.

Penso que deixar as doentes nas residencias foi o principal problema

—A convivencia de persoas sas e doentes puido influír no alto índice de contaxios e falecementos dos centros con brotes?
Aínda que contamos con profesionais sanitarios, o persoal de base son auxiliares e persoas con certificados de profesionalidade. Mesmo tendo indicacións de como actuar, falamos dunha enfermidade infecto-contaxiosa, que é unha das causas que impiden o ingreso nun centro. E a nós pedíasenos que ficásemos con estas persoas. Penso que deixar as doentes nas residencias foi o principal problema, o brote estendeuse coa virulencia que ten a COVID-19. E as usuarias dos centros son persoas con moitas patoloxías, moi sensíbeis.

—Houbo persoal que alertou da falta de material de protección adecuado e a tardanza en recibir as probas do coronavirus.
Eu considérome persoal, tivemos que pór moito coidado da nosa parte, mais hai que partir de que as visitas aos centros son moi elevadas e de que, cando fecharon, a enfermidade xa podía estar dentro. No noso centro facilitamos Equipos de Protección Individual ás traballadoras porque o contacto coas residentes é moi directo e para que non as contaxiasen. É certo que se tardou en facer as probas, a nós fixéronnolas o 17 de abril, demos todos negativo e foi un alivio. Mais esa é á foto do momento, se ti saes á compra ou se tes outro contacto con alguén asintomático pódeste contaxiar.

—Traballadoras e familiares de residentes denunciaron ratios de profesionais insuficientes nos centros.
Temos inspeccións dos Servizos Sociais e temos que cumprir as ratios de persoal que marca a lei. Porén, non somos un centro sanitario, é verdade que non temos persoal cualificado e suficiente para afrontar ter moitas persoas cunha enfermidade infecto-contaxiosa. Tivemos que reforzar persoal porque houbo profesionais que se acolleron a unha baixa por ser de risco e non hai bolsas de traballo para cubrir eses postos. Penso que os centros que tiveron positivos se viron desbordados, porque non estamos pensados para ofrecer eses coidados.

Non temos persoal cualificado e suficiente para afrontar ter moitas persoas cunha enfermidade infecto-contaxiosa

—De aí a proposta da sociedade de centros residencias intermedios?
Na Galiza non se deu a mesma situación que en Madrid ou en Barcelona, cos hospitais desbordados. Con todo, entendemos que nos centros hospitalarios queiran deixar camas preparadas e libres, mais a solución non pode ser que as residentes queden nos centros. Non se pode deixar as pacientes dependendo só da boa vontade do persoal. Ou medicalizas as residencias, como a de Porta do Camiño en Compostela, ou deixas centros para persoas enfermas ofrecendo os medios necesarios. A eses centros só deixaron derivar as persoas de grao I ou algunhas de grao II, é dicir, aquelas con menor dependencia. A maiores, os centros habilitados estaban moi afastados, coma o caso de Baños de Molgas. Desde o noso punto de vista, por iso hai tantos contaxios ou falecementos. Realmente descoñezo os motivos, entendo que é unha decisión que toman as Consellarías de Política Social ou de Sanidade, mais os criterios son eses. 

As residencias medicalizadas só deixaron derivas ás persoas con menor dependencia

—Como afectou esta situación ás persoas usuarias?
Sorprendéronos pola súa capacidade de adaptación. Explicouse a situación ás persoas que non teñen deterioro cognitivo e recibiron charlas para evitar contaxios. Xa podemos facer actividades con grupos reducidos, saen ao xardín e reciben visitas controladas. Fíxolles ilusión ver a familia, pero botan moito de menos esas apertas das que tanta necesidade teñen

"Priorizáronse camas para as persoas novas"

"Considero que non se pensa nas persoas maiores e este feito comprobouse con esta situación. Priorizáronse camas para as persoas novas mentres se deixaron as maiores nas residencias. Esa é a lectura que facemos de por que non deixaron derivar os residentes aos hospitais. Tamén coido que cómpren máis cartos a través dos presupostos para as maiores e que é moi importante a prevención desde idades máis temperás para chegar á vellez en mellores condicións".

"En canto ao modelo residencial, está claro que cantas máis prazas públicas mellor. Pero pode a sociedade manter esas prazas? Poderemos permitirnos iso? Esa valoración tena que facer a Xunta da Galiza. O que non pode ser é exixir médicos, enfermeiras e demais e que se paguen 50 euros ao día por praza residencial. Estabelecer uns criterios e logo, segundo o que se exixa, pagar a praza en consonancia".