Eva Domínguez, familiar dunha usuaria: "O deterioro físico e cognitivo da miña nai era evidente despois de tantos días fechada na residencia"

regreso residencia porta do camiño-19
Os efectos do confinamento están a deixarse notar na saúde da cidadanía. Os diversos estudos elaborados pola comunidade científica alertan das consecuencias nos diferentes segmentos de idade, mais significando o seu risco especial para as persoas maiores. As familias dos usuarios e usuarias das residencias de anciáns advirten do deterioro físico e cognitivo dos seus parentes.
 

Xosé Bernárdez Solla é o presidente do colectivo Vellez Digna. Veterano loitador na defensa dos usuarios e usuarias da residencia de DomusVi de Aldán, en Cangas, agarda con preocupación a apertura do centro ás visitas, para poder coñecer de primeira man cal é a situación real das persoas que alí viven.

“Non sabemos o cadro que nos imos atopar cando entremos dentro pero non temos dúbida de que o confinamento está a pasar factura ás persoas fechadas”, sinala Bernárdez. As informacións recibidas até o de agora por parte das familias que puideron falar cos seus parentes e mesmo dalgúns traballadores e traballadoras do centro non son especialmente esperanzadoras.

“Queremos que entren os médicos e as médicas de cabeceira na residencia para ver cal é o estado real dos usuarios e usuarias e que se proceda a unha valoración a fondo dos efectos do confinamento.

Sabemos de persoas que antes falaban e agora xa non falan, de residentes que se atopaban ben e perderon a cabeza e de usuarios que quedaron absolutamente sen masa muscular, por telos durante todo este período na cama e non facerlles ningún exercicio de mobilidade”, incide Bernárdez, que demanda “a necesidade da posta en marcha de plans de reanimación e rehabilitación dos residentes, xa que o confinamento tivo efectos xeneralizados en todos eles e a xente quedou moi afectada”.

Perda de peso ou de masa muscular

O médico Francisco Vizoso considera que “o cambio do réxime de vida como consecuencia dun internamento nun hospital ou nunha residencia provoca, normalmente, unha perda de peso ou da masa corporal pero isto é un fenómeno moi diferente nos centros de maiores”.

“As familias lévanse queixando da perda de peso das usuarias e usuarios con anterioridade á chegada do coronavirus”, di. As críticas pola deficiente alimentación nalgúns xeriátricos son constantes, evidenciándose unha clara diferenza entre aqueles xestionados pola Administración pública e aqueloutros dirixidos por operadores privados.

A nai de Eva Domínguez é usuaria do centro de Bembrive en Vigo, unha residencia de titularidade pública xestionada pola empresa DomusVi. “Vinme obrigada a internar a miña nai nun centro de maiores polo seu estado físico e cognitivo, dada a falla de medios para atendela na casa, malia que todos os días acudía ao xeriátrico participando non seus coidados”, comenta a Nós Diario Domínguez, que salienta o seu “rol social como coidadora, filla e responsábel”, moi preocupada por non poder supervisar o estado da súa nai, como viña facendo até a chegada do coronavirus.

“Hai tres semanas vin por primeira vez a miña nai desde o 14 de marzo e durante todo ese tempo estiven mentalizándome para a ocasión. O deterioro físico e cognitivo da miña nai era evidente despois de tantos días fechada polo confinamento”, afirma Domínguez, que liga as perdas das capacidades cognitivas da súa nai “á perda da rutina afectiva de verme todos os días e a atoparse máis illada”. A este respecto, os especialistas consideran habitual que as mudanzas nas rutinas afecten as capacidades cognitivas das persoas, fenómeno que tamén se observa nos internamentos hospitalarios.

Un calvario para as maiores

“Eu estou notando que perde moito, cando falei con ela o 11 de abril, o día do seu aniversario, non sabía con que estaba falando”, comenta a Maribel Padín, cuxa nai está de volta na residencia de DomusVi do Barreiro en Vigo, após ser trasladada ao centro de Patos (Nigrán) a consecuencia do coronavirus.

Maribel Padín aínda non a puido visitar desde o comezo da pandemia, porque as visitas continúan prohibidas no xeriátrico do Barreiro e amósase moi preocupada “polo calvario que lles están facendo pasar a persoas como a miña nai, fechadas na súa habitación”. “Estou moi triste; é como unha película de medo”, acrecenta.

Padín sinala que “a miña nai non está ben, é cega e para ouvir precisa dun audífono. Antes de que a mandasen ao centro de Patos, tivérona fechada nunha habitación na residencia do Barreiro sen que ninguén se preocupase de mirarlle o audífono e como non tiña batería non podía escoitar nada. En Patos a cousa era diferente, cambiábanlle as pilas e podíamos contactar con ela”. “Preocúpame moito o deterioro cognitivo de miña nai acentuado neste confinamento”, destaca Padín desexosa de atoparse canto antes con ela.

As queixas sobre o estado de saúde dos residentes após o confinamento chegan de centros de maiores de toda Galiza. Así, por exemplo Xavier Quián, da asociación de familiares de usuarios e usuarias do xeriátrico compostelán de San Lázaro, afirma que “a partir do día 15 imos ter datos máis precisos sobre o estado dos usuarios e usuarias, mais as informacións que nos chegan preocúpannos. As consecuencias físicas e  psicolóxicas de 60 días de confinamento son evidentes na xente maior”. Neste sentido, desde os colectivos que agrupan as familias dos residentes urxen a Xunta da Galiza a que se proceda a revisar a súa situación por parte de médicos e médicas do Servizo Galego de Saúde e que se poñan en marcha plans de rehabilitación. 

Familiares denuncian a desatención das usuarias

As queixas sobre a atención médica nas residencias de DomusVi continúan. A pasada semana, unha residente do centro de DomusVi do Barreiro en Vigo foi ingresada no hospital Álvaro Cunqueiro para facerlle unha proba de coronavirus tras rexistrar unha alta temperatura corporal, sendo desprazada após dar negativo ao complexo do Meixoeiro, onde permaneceu internada entre o 3 e 8 de xuño. Segundo denuncia a familia, “durante todo ese período, do 3 ao 8 de xuño, o médico da residencia, o señor Barreiro, non se puxo en contacto coa nós. En ningún momento indicou o estado da doente nin nos tranquilizou ante a ansiedade xerada por descoñecer o seu estado nin informou sobre o seguimento no regreso á residencia”.

A reportaxe completa podes lela no Nós Diario de hoxe, 13 de febreiro, á venda nos quiosques por tan só 3 euros.