O Consello de Contas advertiuno no seu informe

A Xunta coñecía desde 2017 as graves deficiencias das residencias privadas

Núñez Feixoo impuxo en 2016 a medalla de ouro do Círculo de Empresarios de Vigo a Josefina Fernández, máxima executiva de DomusVI (Imaxe: circulo.gal)

A falla de medios humanos e o incumprimento das condición contractuais nos centros de maiores eran coñecidos polo Goberno galego desde, cando menos, 2017. O Consello de Contas informou a Xunta de Galiza das graves eivas.

O Consello de Contas da Galiza sinalou no seu informe de 2017, ao que tivo acceso Nós Diario, que en diversas residencias de DomusVI e da Fundación San Rosendo, as principais empresas que xestionan os centros de maiores privados na Galiza, a cifra real de traballadoras “non coincide en número de efectivos co cadro de persoal ofertado para a contratación, apreciándose valores inferiores”.

Entre as instalacións citadas no informe atopábanse os xeriátricos de San Lázaro, en Compostela, e da Nosa Señora da Esperanza en Ourense, actualmente dous dos principais focos de coronavirus na Galiza e onde máis falecementos e persoas infectadas se rexistraron.

O citado informe pon de manifesto as “principais incidencias detectadas pola Inspección de Servizos” nos centros propios da Xunta ou nos externos. Cita a revisión das 65 actas de inspección expedidas en 2014 e das 57 de 2015 a respecto de centros con prazas públicas. “As mesmas actas recollen, en ocasións, que non se emendaron as deficiencias sinaladas en actas anteriores”, recolle o documento do Consello de Contas, evidenciando a conivencia da Inspección a respecto da xestión das residencias.

Persoal insuficiente

Na meirande parte, 26 actas refírense a que “o número de persoas de atención directa que traballaban ese día [no da inspección] no centro non cumpre coa rateo mínima de 0,35 por usuario estabelecida”. “En 14 actas constan incumprimentos sobre o cadro de persoal ofertado, o que nalgúns supostos implica un incumprimento da rateo mínima de persoal de atención directa”, continúa. Tamén se advirte de incidencias relativas a instalacións e equipamentos, así como “falta de rigorosidade en diversos rexistros”.

Un total de 17 dos 25 centros residenciais seleccionados para a comprobación non mantiñan actualizada información de importancia, como o número de persoal que atende nas residencias. Cítase o caso da Fundación San Rosendo, quen non actualizou a información desde 2011.

San Rosendo non actualizara a información a respecto do seu persoal desde 2011

“En xeral, os cadros de persoal que facilitaron os centros residenciais (...) non permiten identificar con claridade os traballadores fixos daqueles que os substitúen nos casos de ausencia por vacacións, permisos, enfermidade ou calquera outra causa para contrastar co persoal ofertado no contrato”. Entre outros, inclúese a residencia de San Lázaro, onde se detecta un menor número de persoal de xerocultura do que se recollía no contrato, ou o de Nosa Señora da Esperanza, cun número de auxiliares menor ao marcado.

Nas residencias de San Lázaro e Ribadumia, con varios contratos para concertar prazas públicas, os cadros de persoal ofertados “estabelecen rateos” de traballadoras de atención directa distinta, que oscilan entre o 0,36 e o 0,45 na residencia de San Lázaro e entre un 35,53 e un 44 na de Ribadumia.

Servizos contratados sen persoal acaído

Por outra banda, advírtese de que nas prescricións técnicas dos contratos “prevense servizos para os que non consta a existencia de persoal adecuado no cadro de persoal dos centros”. Cita os casos de Laraxe (Vilaboa), a respecto da terapia ocupacional e o de Monforte de Lemos e Nosa Señora da Esperanza, a respecto da psicoloxía.

En relación á fiscalización do gasto, ponse de manifesto que non se cobren totalmente “determinados postos en función das previsións dos pregos”. Unha das que incumpre é Nosa Señora da Esperanza, segundo este informe.

Nos cadros de persoal “figuran de forma non diferenciada, dentro do persoal de atención directa e coa denominación de coidador/a, varios traballadores que realizan funcións de atención directa e de servizos xerais, sen que todos eles dispoñan da cualificación requirida para realizaren funcións de atención directa”. A documentación oficial “non diferenza as categorías deste persoal coidador nin contén información sobre as titulacións do persoal que presta estes servizos nos centros”. Esta “incidencia”, dise, “é común nas residencias xestionadas pola Fundación San Rosendo”, entre as que se atopan Nosa Señora da Esperanza.

Os números de traballadores non dan

“De forma particular, apreciouse que o persoal que presta servizos na residencia Nosa Señora da Esperanza non coincide co cadro ofertado pola Fundación para o concurso no ano 2006 e que os dous médicos que prestan servizos no centro non están contratados pola fundación, senón que prestan servizos de voluntariado, sen que conste o número de horas de dedicación a este servizo”, salienta o informe, que afirma que “algunhas das anteriores incidencias están recollidas nas actuacións da Inspección de maneira reiterada”.

Malia que os centros non corrixiron as irregularidades observadas, a Inspección non propuxo a iniciación de expedientes sancionadores

“Nas actas da Inspección advírtese de que no prazo dun mes deben levarse a cabo as actuacións necesarias para emendar os incumprimentos constatados, acreditando documentalmente a súa corrección”, sinálase no documento, que tamén dá conta das sancións que poderían derivar de non cumpriren coa lexislación. Porén, “apreciouse que, malia que os centros non corrixiron as irregularidades observadas, a Inspección non propuxo a iniciación de expedientes sancionadores”.

En relación aos pregos, a Consellaría “deixa constancia nos expedientes de contratación que a rateo de persoal de atención directa ofertada por riba do mínimo estabelecido é un criterio que se escolle polo impacto na calidade asistencial dese persoal ofertado, dada a natureza do servizo que se contrata”.