O comité de ética do grupo DomusVi, baixo sospeita

Membros do comité de ética de DomusVi coa conselleira delegada Josefina Fernández.
Familiares de residentes, traballadoras e traballadores e inspectoras ou inspectores da Consellaría de Política Social teñen dado a voz de alarma desde hai anos sobre a situación dos centros de maiores do grupo DomusVi, mentres a Xunta e a empresa ollan cara a outro lado. O seu comité de ética, do que damos conta, fica baixo sospeita. Os dous membros externos do comité son Teresa Cendón e Barreiro Rivas. 

As queixas sobre o funcionamento das residencias do grupo DomusVi veñen de vello e o seu comité de ética de DomusVi tamén está no punto de mira das familiares. Así, atendendo á información da empresa, o organismo fúndase en 2005 como “espazo de reflexión e consulta para os profesionais sobre temas éticos no ámbito asistencial”, cos obxectivos de “protexer os dereitos das persoas atendidas”, “facilitar o proceso de toma de decisións” e “formar os profesionais en temas éticos (normativa, biotética, boas prácticas)”. Ao tempo, a compañía sinala que se converteu “no primeiro socio sanitario acreditado oficialmente en España no ano 2008” e que se consolidou “como referente ético na organización con 45 ditames emitidos e 12 documentos producidos”.

O comité esta formado maioritariamente por directivos de DomusVi. Segundo a páxina web da multinacional, está presidido por Frances Torralba, catedrático de Ética da Universidade Ramon Llul de Barcelona e persoa, en tempos, politicamente próxima ao ex líder de Unió Josep Antoni Duran i Lleida. Os únicos membros externos son dúas caras ben coñecidas da dereita galega. O primeiro deles, Xosé Luís Barreiro Rivas, conselleiro da Presidencia con Alianza Popular, vicepresidente da Xunta co tripartito de Fernando González Laxe e hoxe unha das referencias ideolóxicas do Partido Popular na Galiza. A conexión de Barreiro Rivas con DomusVi vén de tempo atrás e algunhas fontes outórganlle un papel de relevo na estrutura.

Teresa Cendón, da xestora do PP de Vigo, fai parte do comité de ética de Somus Vi, ao igual que Barreiro Rivas

Teresa Cendón é a outra dos “membros externos” do comité de ética de DomusVi. Traballadora da sanidade, antiga concelleira do Partido Popular en Vigo e actual portavoz da xestora da formación nesa cidade, está considerada como unha peza chave na estrutura das populares. Casada co presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, fai parte do núcleo de máxima confianza de Corina Porro, até o punto de afirmar no retorno á primeira liña política que “se Corina Porro fai un esforzo tan grande por Vigo, eu non podo ficar atrás”.

As ligazóns da máxima dirixente do PP vigués, Corina Porro, coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, son tamén coñecidas. O nacemento e despegue da matriz da actual DomusVi coincidiu coa presenza de Porro na Xunta da Galiza, primeiro como directora xeral de Servizos Sociais e a partir de 2001 como conselleira de Asuntos Sociais. Un ano antes, Josefina Fernández, até entón responsábel dun centro de maiores en Cabanas, localidade a onde acode con frecuencia Porro, chegou a Vigo para facerse cargo de Geriatros, convertido en 20 anos, baixo a marca de DomusVi, no principal operador de residencias do Estado.

Josefina Fernández sempre recoñeceu a importancia para a compañía desta relación con Corina Porro. Así, en novembro de 2016, no marco dun acto no que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, lle impuxo a insignia de ouro do Círculo de Empresarios da Galiza, afirmou, en relación a Corina Porro e ás orixes da compañía que “sen ela non veríamos a luz”. Porén, a conexión de DomusVi vai máis alá da antiga alcaldesa de Vigo e conecta con todo o núcleo da dereita da cidade, que xogou un papel chave para situar Feixoo como candidato do PP na Galiza.

Alimentación “deficiente”

As asociacións de familiares de usuarios e usuarias teñen denunciado “alimentación deficiente e de mala calidade” e mesmo organizado diferentes actos de protesta. Neste sentido, o portavoz da Fundación Rede, Paulino Campos, sinala en declaracións a este medio que “non é a primeira vez que unha usuaria vai á cama sen cea por terse esgotado a comida ou porque esta era moi mala”. As recorrentes críticas á alimentación nos centros de DomusVi non se poden separar do escaso diñeiro destinado pola empresa á alimentación das persoas usuarias, que segundo os pregos de contratación do cátering das residencias oscila entre 3 e 4 euros ao día por residente para almorzo, xantar e cea.

As ligazóns da máxima dirixente do PP vigués, Corina Porro, con Josefina Fernández son coñecidas

“A alimentación é mellorábel nas residencias privadas. A extensión dos sistemas de cátering tamén contribúe a empeorar a oferta alimentaria nos centros de maiores”, acrecenta o médico Francisco Vizoso, portavoz do Movemento Galego polas Pensións Públicas (Modepen), quen xa destacara en declaracións a este medio a “festa dos usuarios e usuarias da residencia de Aldán por poder comer rape despois de anos”. Ofrecía estas palabras despois de que a Xunta da Galiza tomase o control deste centro de maiores de DomusVi. A contratista do servizo de cátering dos centros de maiores de DomusVi é Serunión, outra multinacional de capital francés cuxa xestión está ateigada de sombras até o punto de ser obxecto de diversos procedementos de sanción por parte da propia Administración galega.

Malas prácticas con  persoas usuarias

Traballadoras de DomusVi teñen advertido das malas prácticas na atención ás usuarias. Así, o 29 de outubro de 2019, unha sanitaria da residencia Concepción Arenal DomusVi da Coruña denunciou diante do xulgado que “desde agosto de 2019 non se cumpren as ratios mínimas de enfermeiras por quendas de maña, tarde e noite”, indicando que “concorren por esa circunstancia erros graves de subministro da medicación oral ás residentes (por omisión ou sobremedicación), xa que a preparación da medicación pasa de ser preparada polas enfermeiras a ser realizada habitualmente pola directora do centro, pola coordinadora de enfermaría, por auxiliares de enfermaría ou pola xefa dos servizos hostaleiros”.

O incumprimento das ratios de persoal fixadas pola lexislación pode ter provocado graves consecuencias na integridade física das residentes. Segundo unha demanda presentada o 16 de decembro de 2019 diante do xulgado do penal, pola mesma sanitaria da residencia Concepción Arenal DomusVi da Coruña, a causa da morte dunha usuaria uns días antes estaría ligada a que “a residente pasou cando menos 8 horas sen atención médica e de enfermaría até o seu falecemento” porque “non había médico de garda do centro que puidese in situ nin asistir a residente en cuestión nin a ningún outro”. O caso denunciado por esta traballadora do centro de maiores está actualmente en fase de instrución nos xulgados da Coruña.

O servizo de Inspección da Consellaría de Política Social ten constatado múltiples irregularidades nos centros de maiores de DomusVi. A este respecto, o Consello de Contas da Galiza, nun informe elaborado en 2017, tomando como base as actas levantadas polo servizo de Inspección en 2014 e 2015, afirma, en relación coa residencia de DomusVi de San Lázaro, en Compostela, o centro de maiores con máis mortes durante a pandemia do coronavirus, que o cadro de persoal efectivo é inferior ao ofertado no momento de acceder ao contrato. Ao tempo, indica que os centros de San Lázaro e Ribadumia, “estabelecen ratios” de traballadoras de atención directa distinta, que oscilan entre o 0,36 e o 0,45 na residencia de San Lázaro e entre un 35,53 e un 44 na de Ribadumia.

O papel da Xunta

O informe do Consello de Contas cuestiona abertamente o labor desenvolvido nas residencias pola Xunta Galiza durante todos estes anos. Así, recolle que “nas actas da Inspección advírtese de que no prazo dun mes deben levarse a cabo as actuacións necesarias para emendar os incumprimentos constatados, acreditando documentalmente a súa corrección”, significando o relatorio as sancións que se poderían derivar do incumprimento lexislación de aplicación. Porén, “apreciouse que, malia que os centros non corrixiron as irregularidades observadas, a Inspección non propuxo a iniciación de expedientes sancionadores”.

A pandemia do coronavirus puxo ao descuberto a realidade dos centros de maiores de xestión privada. O elevado número de vítimas mortais nas residencias do grupo DomusVi evidenciaría importantes eivas na actuación do equipo de dirección e nos seus mecanismos de control. As asociacións que agrupan as familiares das residentes amósanse particularmente críticas co papel do Goberno galego, por ter renunciado ao seu rol de tutela e pola súa conivencia coa patronal dos xeriátricos. Neste sentido critican a proximidade da Xunta da Galiza co grupo DomusVi e a súa negativa a actuar contra o mesmo malia as irregularidades.