A Xunta reducirá á metade o prazo de tramitación de proxectos eólicos que subministren enerxía a industrias

Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)
Os parques eólicos deberán destinar, cando menos, 50% da enerxía producida a unha industria.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, anunciou esta sexta feira que o Goberno galego "dará prioridade" e reducirá á metade os prazos para a instalación de parques eólicos que fornezan, cando menos, 50% da enerxía eléctrica a unha industria.

Conde puxo de exemplo os parques eólicos que actualmente están a ser proxectados para abastecer de enerxía eléctrica Alcoa, na Mariña.

Tras unha reunión co comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Conde explicou que se incluirá unha emenda na lei de áreas empresariais, aprobada a finais de abril polo Consello da Xunta e que se remitiu ao Parlamento para a súa tramitación, que incluirá esta cuestión.

Precisamente, destacou que os parques eólicos que se vinculen á fábrica de Cervo "poderán beneficiarse desta nova normativa".

Acordo entre Alcoa e Greenalia

O vicepresidente primeiro do Executivo autonómico cualificou de "boa noticia" do acordo entre Alcoa e Greenalia para a subministración de enerxía renovábel, que suporá 46% da necesidade eléctrica da planta,

Desta maneira, comezarase a avaliar e iniciar a tramitación de 29 parques eólicos de Greenalia para a planta de San Cibrao, para o que a Xunta asegura que se cumprirán "todas" as garantías normativas e ambientais. 

Por outra parte, sinalou que o Goberno central deberá tramitar máis de 400 megawatts, 55% da potencia do acordo entre Greenalia e Alcoa, un total de cinco parques de máis de 50 megawatts.

Conde explicou que Greenalia "terá que presentar" un petición de excepcionalidade ao Consello da Xunta para a axilización do trámite.