Adega recorre os proxectos

Beatriz Mato apoiou declarar de "interese especial" tres parques eólicos de Greenalia

O 26 de abril de 2018 o Consello da Xunta, onde sentaba como conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, aprobou declarar "proxecto de interese especial" os parques eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural promovidos por Greenalia. Hoxe, Beatriz Mato fai parte do consello de administración desa compañía.

Gren
photo_camera O director executivo de Greenalia, Manuel García, e a directiva da empresa, Beatriz Mato. (Foto:Europa Press).

Beatriz Mato exerceu como conselleira de Medio Ambiente da Xunta da Galiza entre outubro de 2015 e setembro de 2018, cando dimitiu da súa responsabilidade para concorrer como candidata do Partido Popular á alcaldía da Coruña. Delegada da Consellaría de Pesca na Coruña desde 2002, deputada do PP no Parlamento da Galiza a partir de 2005 e conselleira de Traballo tras as eleccións de 2009, estaba considerada como unha das persoas de máxima confianza de Alberto Núñez Feixoo, quen a promoveu para as súas máis importantes responsabilidades políticas e gobernativas.

O 26 de outubro de 2017 a empresa Greenalia solicitou autorización para erguer o parque eólico de Bustelo, situado entre os concellos de Carballo e Coristanco. Uns meses máis tarde, concretamente o 28 de febreiro de 2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, departamento dependente da Consellaría de Medio Ambiente, dirixida naquela altura por Beatriz Mato, informou favorabelmente ao proxecto que en tempo récord conseguiu as autorizacións administrativas.

Unha operación semellante repetiuse co complexo eólico de Monte Toural, localizado nos termos municipais de Coristanco e Santa Comba. Precisamente, ese mesmo 26 de outubro de 2017, Greenalia rexistrou na Xunta da Galiza unha solicitude para conseguir os permisos para pór en marcha esta nova instalación eólica. O procedemento caeu o 17 de abril de 2018 en mans da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellaría de Medio Ambiente, que informou favorabelmente. Máis unha vez, o departamento de  Beatriz Mato respondeu de forma satisfactoria á eléctrica coruñesa.

O 26 de abril de 2018, o Consello da Xunta da Galiza, órgano de goberno do que facía parte Beatriz Mato, declarou "proxecto de interese especial" os parques eólicos de Bustelo, Monte Toural e Campelo. Este último proxecto, situado entre Coristanco e Santa Comba, foi presentado en 2011 pola sociedade Kaekias Eólicas, que en marzo de 2018 pasou a titularidade de Greenalia, asumindo a súa tramitación para conseguir as autorizacións administrativas precisas do Goberno galego de cara á súa posta en funcionamento.

Beatriz Mato nos expedientes referidos de Greenalia

A participación do departamento de Beatriz Mato en expedientes referidos a Greenalia resultou unha práctica habitual nos seus anos á fronte da Consellaría de Medio Ambiente. Así, en 2017 outorgou a Greenalia diversas autorizacións para botar a andar a central de biomasa en Teixeiro (Curtis), un proxecto que contou con apoio financeiro da Unión Europea, librándoa a Consellaría de Mato de "someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común", ao "non consideralo necesario".

Mato traballa para Greenalia desde febreiro de 2020. Após renunciar ás súas responsabilidades políticas, a antiga dirixente popular iniciou unha "meteórica" carreira empresarial que a levou, primeiro, a tentar presidir a Asociación Eólica da Galiza (AEG) -a patronal eólica- e desde maio de 2021 a facer parte do consello de administración da compañía enerxética. Ao tempo, incorporouse como conselleira da telefónica de Euskaltel, propietaria de R, e como vogal de Asociación de Industrias do Metal e Tecnolóxicas Asociadas da Galiza (Asime).

O movemento ecoloxista ten dúbidas da legalidade dos proxectos eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural. Tanto é así que Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) anunciou onte que presentou un recurso contencioso administrativo contra os mesmos, por considerar probada "a existencia dunha clara fragmentación artificiosa dunha única instalación ou central eólica despezada en tres proxectos para non superaren individualmente os 50 megawatts e seren tramitados pola Xunta, beneficiándose do procedemento 'exprés' e das prebendas lexislativas aprobadas por Alberto Núñez Feixoo".

Adega denuncia "unha manobra fraudulenta da que a Xunta é cómplice e que prexudica o interese público e mesmo os intereses particulares: fragméntase tamén a posíbel oposición". Ao tempo, entende que os parques eólicos recorridos en contencioso "sitúanse todos nunha mesma área xeográfica, arredor da Lagoa de Alcaián, e partillan accesos, liñas de evacuación e estación transformadora. O Consello da Xunta da Galiza declarou os tres en maio de 2018, e no mesmo acto administrativo, como proxectos de interese especial".

"Ademais da fragmentación artificial, sobre a que existe xurisprudencia recente do propio Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)", sinalan desde Adega que "as tres instalacións promovidas pola empresa da ex conselleira Beatriz Mato sitúanse sobre unha área proposta en 2008 e 2011 para incorporarse á Rede Natura 2000, que acubilla ademais endemismos botánicos únicos".

As demandas presentadas por Adega son as primeiras financiadas na Galiza con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica e das súas entidades promotoras que conseguiron reunir máis de 49.000 euros nun tempo récord, superando o obxectivo inicial previsto de 40.000 euros.

Comentarios