Endesa busca facilitar a implantación de máis eólica a través dun acordo con Alcoa

A eléctrica lograría salvar o informe desfavorábel da Xunta ao parque de Caaveiro ao beneficiarse da política do PP de facilitar a implantación de proxectos vencellados a un contrato de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA).
Os plans de Enel Green Power, filial de renovábeis de Endesa, pasan por levantar seis novos parques eólicos na Galiza (Foto: Luis Vilanova).
photo_camera Os plans de Enel Green Power, filial de renovábeis de Endesa, pasan por levantar seis novos parques eólicos na Galiza (Foto: Luis Vilanova).

Alcoa xa ten a súa primeira terna de candidatas para fornecer de enerxía o complexo industrial de San Cibrao (Cervo). Após os acordos de compravenda a longo prazo (coñecidos como PPA) asinados con Greenalia e Capital Energy, a multinacional norteamericana anunciou onte a sinatura dun acordo con Endesa para a subministración de enerxía 100% renovábel por dez anos.

Segundo explicou a eléctrica propiedade da italiana Enel nun comunicado, o subministro comezará en 2024, ano no que Alcoa prevé reiniciar a súa produción e arrancar as cubas de electrólise despois de dous anos paradas.

Para dar resposta a este compromiso, que segundo os cálculos da eléctrica precisa dunha potencia en carga base de 154 megawatts (MW), Endesa sinala que será a súa filial, Enel Green Power, a encargada de fornecer esa enerxía a través de 900 MW de nova capacidade renovábel que xa está a tramitar na Galiza. 

Neste senso, a eléctrica afirma que "a Xunta da Galiza foi informada do preacordo entre ambas as compañías e ocuparase da coordinación para o avance do proxecto a plena satisfacción de todas as partes implicadas".

Vía prioritaria

A manobra pode ser especialmente satisfactoria para Endesa, xa que pola vía do PPA, en virtude do compromiso da Xunta de priorizar a tramitación de parques eólicos que destinen 50% da súa produción á industria a través destes acordos, a eléctrica verá acurtados os prazos para desenvolver os devanditos proxectos, mais tamén poderá aproveitar a oportunidade que brinda o Executivo galego para implantarse en zonas nas que, por outra vía, non podería facelo.

Esa mesma condición é a que pretenden aproveitar tamén Greenalia e Capital Energy para levantar parques en áreas non autorizadas para este tipo de proxectos e que, nalgúns casos, mesmo teñen informe desfavorábeis da propia Xunta. É o caso do parque eólico Borrasca (84MW) que Greenalia promove nos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Xove, Foz, Lourenzá e Mondoñedo, e do de Fonte de Barreiros (96 MW) que Capital Energy impulsa en Barreiros e Ribadeo.

Os proxectos de Endesa

No caso de Endesa, a eléctrica promove un parque eólico nos concellos de Fene, Neda, Cabanas, A Capela, San Sadurniño e As Pontes que xerou un forte rexeitamento social e un aluvión de alegacións (perto dun millar) pola súa proximidade ás vivendas, mais tamén polas afeccións á fauna, á flora e ao patrimonio e por contar cun informe desfavorábel da Xunta ao estar proxectado fóra das áreas de desenvolvemento eólico. 

O de parque eólico de Caaveiro (78 MW) é un dos seis que proxecta Endesa. Tamén están Badulaque (90 MW e que afecta os concellos de Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes); Barqueiro (150  MW nos de Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes); Moeche (53 MW en San Sadurniño, Moeche, As Somozas e As Pontes); Santuario (180 MW nas Pontes, Xermade, Vilalba e Guitiriz) e  Tesouro, de 60 megawatts, nas Pontes e A Capela.

Acordo con Abanca

Na mesma liña que o subscrito con Alcoa, Endesa fechou o pasado mes de setembro un acordo de compravenda de enerxía 100% renovábel de orixe galega para cubrir  70% da demanda de electricidade das oficinas e sedes de Abanca en España e Portugal por un período de dez anos. Daquela, Endesa xa indicaba que o contrato ─en vigor desde o pasado 1 de xaneiro─ suporía a construción dun novo parque eólico no país, sen especificar a súa localización.

Do que si deron conta ambas as entidades é que esa enerxía procede "integramente" de parques eólicos situados na Galiza, inicialmente dos xa existentes no norte do país, aínda que a eléctrica aclaraba que, a partir de xaneiro de 2023, a enerxía será xerada por novas instalacións renovábeis de Endesa (tamén sen especificar cales) que están en proceso de tramitación.

Comentarios