Greenalia non produce enerxía dabondo para cumprir o acordo asinado con Alcoa

Alcoa vén de asinar o seu primeiro contrato de compra de enerxía a longo prazo para a súa fábrica de San Cibrao, en Cervo, co grupo Greenalia. Porén, este grupo enerxético, do que é directiva a antiga conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, non dispón da potencia comprometida no acordo formalizado coa fábrica da Mariña. 
Vista da planta de Alcoa en Cervo (Foto: aeroREC)
photo_camera Vista da planta de Alcoa en Cervo (Foto: aeroREC)

Alcoa é un gran consumidor enerxético. A factoría da multinacional estadounidense en San Cibrao (Cervo) é o primeiro consumidor eléctrico da Galiza e do Estado español. Segundo os datos achegados pola propia compañía á Xunta da Galiza, dentro da súa avaliación ambiental integrada, a factoría require para funcionar 396 megawatts, isto é unha terceira parte do consumo total do país. A baixada do consumo eléctrico rexistrado en xaneiro de 2022 na Galiza, 22,6% en relación co mesmo mes do ano pasado, explícase segundo o colectivo Bidán, entre outros factores, “pola parada das cubas de Alcoa e o funcionamento irregular doutras electrointensivas na Galiza”.

O acordo con Greenalia

Greenalia e Alcoa veñen de facer público un acordo para reducir o custo da electricidade na planta de San Cibrao mediante un contrato de compra de enerxía a longo prazo. O mesmo formaliza unha operación anunciada en decembro de 2021 e adianta pactos semellantes coas enerxéticas Endesa e Capital Energy. Porén, esta fórmula ofrece moitas dúbidas para diversos especialistas, entre eles  o membro do colectivo Bidán, Quico da Silva, quen afirma que “garantir a actividade as 24 horas do día os 365 días do ano con fontes de xeración de orixe eólico obriga a dispor de 1.335 megawatts” e lembra que “as enerxías renovábeis, polo seu carácter non continúo” non abondan para manter un centro de produción desta natureza.

Un contrato de 183 MW

Os termos do contrato estabelecen que “Greenalia comprométese á subministración de enerxía renovábel á planta lucense por unha cantidade de até 183 megawatts en carga base, unha enerxía que se fornecerá con parques eólicos que a empresa con sede na Coruña, está a desenvolver na Galiza, principalmente previstos na provincia de Lugo, onde está situada a instalación de Alcoa”. Na mesma dirección, a enerxética sinala que “suporá aproximadamente 45% das necesidades de electricidade da planta a máxima capacidade a partir do ano 2024” e indica que “seleccionou 29 proxectos, todos eles con acceso e conexión na Galiza, cunha capacidade total de 924 megawatts”.

Porén, Greenalia non dispón na actualidade de suficiente potencia instalada na Galiza para cumprir co acordo asinado con Alcoa. Segundo os datos ofrecidos pola propia compañía, a eléctrica só conta con 22,5 megawatts de orixe eólico instalados na comarca da Mariña, concretamente en Ourol, sumando un total en todo o país de 74,6 megawatts. A maiores, a empresa mantén operativa unha planta de biomasa no concello de Curtis, cunha capacidade de 50 megawatts.

Neste sentido, a totalidade das instalacións enerxéticas de Greenalia, agás o parque eólico de Ourol, localízanse na zona da Coruña.

Proxectos do grupo  Greenalia en Lugo

Os parques eólicos previstos por Greenalia nas comarcas de Lugo atópanse nun estado de tramitación moi embrionario. A día de hoxe, ningún deles se atopa en fase de obras, sendo o tempo medio de posta en marcha destas instalacións desde a primeira solicitude de autorización, segundo os datos ofrecidos polo Observatorio Eólico da Galiza, de entre sete e nove anos. Pola súa parte, a Asociación Eólica da Galiza, a patronal do sector, sinala que a Administración galega tarda entre catro e dez anos en autorizar un parque eólico.

Informes desfavorábeis

Unha parte dos proxectos eólicos programados por Greenalia nas comarcas de Lugo están informados desfavorabelmente polo Goberno galego por situárense en zonas prohibidas para a xeración enerxética. Un caso destes é o parque eólico Borrasca, cunha potencia de 84 MW e localizado nos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Xove, Foz, Lourenzá e Mondoñedo. A Xunta rexeitou, tamén, entre outros parques eólicos de Greenalia,  Monzón, con 50,4 MW, entre Abadín e A Pastoriza; Boura, con 72,8 MW, entre Abadín e A Pastoriza; Levante, con 106,4 MW, entre Becerreá, As Nogais e Triacastela; Mistral, con 100,8 MW, entre Xermade e Vilalba ou Ventisca, con 89,6 MW, entre Pol e Baleira.

Comentarios