A Xunta limita as reunións e pide acreditar o acceso seguro á hostalaría

Mapa e táboa coas restricións por niveis que rexerán en cada concello a partir das 00 horas deste sábado, 24 de xullo. (Infografía: Nós Diario).
A Galiza volve limitar as reunións sociais e recupera as restricións á interacción entre persoas non conviventes despois do horario de fechamento da hostalaría e do lecer nocturno, este último naqueles municipios onde poderá seguir aberto. "A situación empeorou de forma notábel", admitiu onte o presidente da Xunta, quen xustificou  a necesidade de retomar estas medidas ante a falta de vacinas para protexer a poboación moza, a máis vulnerábel.

A "profunda interacción social" entre os grupos de idade non vacinados está detrás do empeoramento da situación epidemiolóxica da Galiza nas últimas semanas, sinalou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no transcurso da rolda de prensa posterior á reunión do Comité Clínico que asesora o Goberno galego sobre a pandemia e que acordou endurecer as medidas de restrición co obxectivo de limitar os "encontros multitudinarios" e reducir o número de contaxios.

Núñez Feixoo referiuse a un incremento exponencial do número de casos que afecta sobre todo á poboación pendente de se sumar á vacinación masiva  ou que contan cunha única dose. A poboación menor de 40 anos, nomeadamente os grupos de 12 a 29 anos cunha incidencia acumulada a 14 días que supera os mil casos por 100.000 habitantes. "Nos últimos sete días 80% das persoas contaxiadas teñen menos de 40 anos", remarcou. E malia que os "danos" desta vaga son menores e difiren dos  de ondas anteriores porque a poboación moza "é máis forte, máis sa e menos vulnerábel", precisou Feixoo, "non podemos baixar a garda" xa que a Covid reserva consecuencias dramáticas tamén para este sector da poboación, con capacidade para enfermar, ingresar na UCI e contaxiar a persoas xa inmunizadas, "pais e avós", cuxa infección chegou a cuadriplicarse nas últimas datas.

Risco de hospitalización

Motivos suficientes para tomar medidas, afirmou o xefe do Executivo galego, aos que sumou as previsións do Comité Clínico a curto prazo en chave asistencial e de presión hospitalaria. Nunha semana (do 11 ao 17 de xullo) triplicáronse os ingresos en planta (de 53 a 153) e duplicouse a entrada de pacientes en UCI (de 10 a 21). Coas taxas actuais, asegurou, "nos próximos 15 días superaríamos os 400 pacientes hospitalizados e 100 críticos". En tres semanas, calcula o comité experto, pode haber máis de 1.000 hospitalizados e 200 doentes en UCI.

Unha taxa de positividade elevada, estábel na contorna do 10%, e a baixa participación da poboación moza nos cribados, "só acude 40% das persoas convocadas", sitúan a transmisión do virus en cotas superiores e disparan o risco de contaxio, ante a sospeita de "casos non detectados" que poden estar favorecendo a dispersión do virus.

A vacinación, chave

Contaxios e positividade convidan a actuar. E a "actuación radical", advertiu Núñez Feixoo, é a vacinación. "Pero temos un problema de abastecemento importante" que impide contar con doses suficientes para protexer toda a poboación. "Temos menos vacinas en xullo que en xuño", e en agosto prevén dispoñer dun número similar que seguirá a frear o número de vacinas dispensadas.

Sen vacinas, o Sergas "non pode garantir a inmunidade da poboación galega, a única medida útil e efectiva" fronte á Covid, declarou o presidente galego. "Se tivésemos vacinas a situación sería distinta" e non sería preciso recorrer ás novas medidas que entrarán en vigor na medianoite da sexta feira ao sábado. 

Con todo, e malia a carencia de doses "suficientes" para completar a vacinación dos maiores de 12 anos antes de rematar o verán, Feixoo avanzou que esta semana rematará a administración da primeira dose vacina ao grupo de 30 a 39 e que entre o 26 de xullo e o 1 de agosto completarase a inmunidade dos de máis de 40 para comenzar a inocular a poboación menor de 29 anos.

A hostalaría non fecha

Así, a carreira pola inmunidade da poboación galega avanzará baixo novas medidas de restrición e cambios de nivel para unha trintena de concellos que por primeira vez non van supoñer ningún feche perimetral nin tampouco a clausura de bares e restaurantes. 

"De que serve vacinar a xente se non ten efecto ningún na hostalaría?". Con esta pregunta, o presidente da Xunta defendeu o "valor sanitario incontestábel" tanto do certificado de vacinación como dun test negativo de coronavirus emitido polas autoridades sanitarias, dous documentos acreditativos necesarios e válidos a partir das 00.00 horas do vindeiro sábado, 24 de xullo, para acceder de forma segura ao interior da hostalaría nos concellos en nivel máximo e alto e aos locais de ocio nocturno en concellos de nivel medio e medio-baixo, onde non será preciso mostrar ningún xustificante para acceder a cafetarías e restaurantes. 

Ademais, do certificado de vacinación e dunha proba da Covid negativa nas últimas 72 horas, o Goberno galego tamén admitirá a proba de ter superada a doenza.

Cambios de nivel

Neste sentido, Feixoo avanzou que soben ao nivel máximo de restricións O Barco, A Pobra do Caramiñal, Cambados, Boiro, Sanxenxo, Meaño, O Grove. E quedan no nivel alto Ourense, Avión, Barbadás, O Carballiño, Porto do Son, Carballo, Fisterra, Oleiros, Vimianzo, Arzúa, Ribeira, Melide, Burela, Viveiro, Cervo, Foz, Ribadeo, A Illa, Vilagarcía, Vilanova, Marín, Poio, Pontevedra, Vigo, Baiona, Gondomar, Nigrán, O Rosal, Tomiño. En conxunto, 35% da poboación galega fronte ao 65% que manterá o nivel medio e medio baixo de restricións.

Os cambios de nivel manteñen a hostalaría aberta no conxunto do territorio pero levan aparellado o feche do ocio nocturno nos 36 concellos nomeados, os que contan con maior incidencia.

Hostalaría e lecer nocturno

Nos municipios en nivel máximo con máximas, a hostalaría poderá abrir até a 1 a 30% no interior e 50% no exterior. A acreditación para acceder a bares e restaurantes será obrigatoria, mais só para os espazos interiores, non para as terrazas. No nivel alta, o control de acceso vaise desenvolver nos mesmos termos, mais a capacidade das terrazas poderase estender até 50%.

Nos niveis medio e medio baixo cafetarías, bares e restaurantes poderán abrir tamén até a 1 e non se requirirá xustificante de acceso. Os municipios en nivel medio poderán abrir interior e exterior ao 50% e no medio baixo, ampliar a capacidade das terrazas até o 100%. Se atendemos aos locais de ocio nocturno, o horario de feche prolóngase até as 03.00 coa capacidade limitada no nivel medio a 50% en interior e 75% no exterior e a 50 e 100% no nivel medio baixo, respectivamente.

Reunións sociais

En todos os casos, as xuntanzas rexeranse polos límites estabelecidos para as reunións sociais, que volven ser de seis persoas no interior e 10 en espazos abertos. Segundo aclarou Núñez Feixoo, estas cotas poderanse sobrepasar en caso de que a interacción se produza entre dous grupos de convivencia, unha concesión que busca facilitar o encontro de familias e amigos durante os meses de estío.

Nesta liña, a Xunta volve recuperar as limitacións que impiden o encontro de non conviventes de madrugada, unha vez superado o horario de clausura da hostalaría e o ocio nocturno. Busca acabar con reunións multitudinarias e as "imaxes de botellón", polo que quedan prohibidas de 1 a 6 horas en concellos de nivel máximo e alto e de 3 a 6 horas en municipios de nivel medio e medio-baixo..

Estas medidas que afectan ás liberdades fundamentais das persoas terán que contar co autorización do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, a quen a Xunta fará chegar a solicitude "ben fundamentada" para facilitar a decisión dos xuíces, advertiu Feixoo.

Frear os contaxios

As medidas anunciadas polo presidente da Xunta buscan conter a pandemia mentres avanza a vacinación. Os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade confirman un incremento dos casos activos e do número de persoas hospitalizadas pola Covid. Galiza conta na actualidade con 12.889 casos activos, os mesmos que rexistrou por última vez a mediados de febreiro, cando o territorio comezaba a atenuar o impacto da terceira onda.

Naquela altura, o número de persoas ingresadas nos hospitais galegos pola Covid roldaba o millar. Agora, segundo o último balance de Sanidade, hai 174 doentes hospitalizados por mor do coronavirus, case seis veces menos. Grazas ás vacinas, a porcentaxe de hospitalización caeu de 6 a 1%

Porén, a preocupación existe. Os pacientes ingresados incrementáronse a respecto do día anterior en 25, todos en planta, polo que non hai cambio na ocupación Covid das unidades de coidados intensivos, que atenden 21 doentes críticos. A presión hospitalaria aumentou en todas as áreas sanitarias salvo na de Ferrol, sen cambios.

 En canto aos novos contaxios, a cifra no ofrece grandes variacións a respecto das xornadas anteriores e mantense na contorna dos mil novos positivos diarios. A incidencia acumulada sitúase nos 300 casos a sete días e en 466 a 14, sen cambios na cifra de falecementos: 2.443.