Sergio Fernández é representante de Hosfega

Sergio Fernández: "Non entendemos unha desescalada tan lenta. Ademais está a ser moi convulsa"

A hostalaría galega foi un dos sectores máis afectados pola pandemia da Covid-19. Nestas circunstancias naceu Hosfega, unha voz crítica que procura defender os intereses do seu ramo. Exixen un plan de rescate máis alá de axudas puntuais e desconfían das medidas adoptadas polo Goberno galego para este verán.
Sergio Fernández é propietario do Pub Século XXI de Compostela (Nós Diario).
photo_camera Sergio Fernández é propietario do Pub Século XXI de Compostela (Foto: Nós Diario).

-Que significou a pandemia para a hostalaría galega?

A maior crise que afrontamos nos últimos anos. 

-A pandemia evidenciou as eivas do asociacionismo anterior?

Sempre se nos considerou un sector moi desunido. As asociacións das cidades galegas eran o referente que había. A necesidade creada nesta crise fixo que realmente concordáramos moitas asociacións e empresarios na idea de que a unidade era básica. Moitas veces non se comprendían os cambios na normativa ou mesmo as medidas que se nos impuxeron, cando sempre entendemos que eramos un sector bastante seguro.

En ningún momento quixemos quitarlle voto ao resto. Constatabamos un gran baleiro no sector que tiña que ser escoitado. As mesas actuais non representaban as necesidades básicas do sector. 

-Cal é a razón pola que a Xunta non conta coa Hosfega?

Nós temos que estar neses foros. Se a Xunta non o considera oportuno nós seguiremos pedíndoo. Estamos conseguindo que a hostalaría deixe de ser un mero intérprete e pase a ser protagonista dentro das decisións que se toman agora mesmo e de cara ao futuro. Non entendemos esa postura, unha representación como a nosa pode achegar moito. Un exemplo é a nosa defensa dun plan de rescate a medio e longo prazo.

Unha vez que se supere a pandemia a crise económica vai perdurar un tempo no que hai que tomar medidas, xa non só de achegas directas, que consideramos escasas, senón outro tipo de medidas como redución de impostos, exclusión de taxas ou mesmo campañas de promoción para aqueles que durante todo este tempo aínda non abriron, como é o caso do ocio nocturno, ou en precario, como os hoteis.

A nosa postura é de diálogo con todas as administracións, polo menos con aquelas que nos queren escoitar, independentemente do partido político que estea. 

-Como cualificaría a xestión da Xunta neste período?

Houbo varios momentos. Estivemos en contra cando adoptaron certas medidas para a hostalaría. Fomos o único ao que se lle damnificou polos dous lados, polo tema sanitario e polo económico. E só querer falar coa xente amiga sen escoitar as discrepancias que poida haber... non o entendemos. Nós somos plurais, non temos ningún afán político.

-Estase facendo ben a desescalada?

Está a ser moi convulsa, cun cruce de normativas a nivel estatal e autonómico que o único que xera é incerteza e indefensión. Na situación epidemiolóxica na que nos atopamos, co índice de vacinación que estamos, estase a desenvolver unha desescalada moi lenta. Aínda temos o sector o ocio nocturno fechado.

A piques de entrar no verán os hoteis precisan de campañas de  promoción, non podemos confiar só no Camiño de Santiago cando aínda non sabemos que actividades se realizarán ao longo do ano para a súa promoción. Teñen que espabilar. As condicións da pandemia son boas e a evolución tamén e non entendemos unha desescalada tan lenta. Somos os primeiros defensores de que sexa dunha maneira ordenada, queremos seguir traballando e dunha forma segura e estamos quedando atrás. 

-Acertan coas probas que fan para o ocio nocturno?

Está ben que fagan probas piloto mais non entendemos que aquí se fagan de mínimos. Cando se fai a proba de carga dunha ponte ponse a máximo posíbel para logo decidir canta é a que pode resistir. A proba real xa se fixo o verán pasado e o propio Ministerio de Sanidade afirmou que o índice de contaxio era maior no ámbito familiar. 

Comentarios