Así será o certificado Covid da UE para poder viaxar

O pleno do Parlamento europeo mostrou na terza feira o seu apoio maioritario á aprobación do Certificado Covid da UE ao entender que facilitará as viaxes dos turistas europeos vacinados, con anticorpos ou cun test negativo recente. Moitos eurodeputados lamentan a falta de claridade por parte dos Gobernos estatais en canto ao uso que se lle dará e critican que as PCR non sexan gratuítas porque cren que discrimina a quen non estean vacinados.

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán (Foto: Europa Press).
photo_camera Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán. (Foto: Europa Press)

A Comisión Europea, por boca do seu comisario de Xustiza, Didier Reynders, instou as autoridades estatais a iniciaren "desde xa" a emisión de certificados nos países xa preparados a nivel técnico, para evitar riscos de colapso cando arrinque formalmente en xullo.

O novo documento, en formato dixital ou físico, gratuíto e multilingüe, está chamado a reactivar o turismo dentro da UE porque os vinte e sete comprométense de saída a non impoñer corentenas ou test adicionais en destino aos titulares deste título, que acreditará que foron vacinados, teñen anticorpos ou un test negativo.

Na Galiza xa existe un "pasaporte Covid" que dá fe da vacinación.

PCR de pagamento

No debate decorrido durante a primeira sesión que o pleno se reúne en Estrasburgo (Francia) desde que se declarou a pandemia na UE hai máis dun ano, os eurodeputados acolleron con satisfacción a creación do certificado, mais houbo críticas á falta de gratuidade das probas PCR, que na Galiza custan entre 120 e 150 euros en laboratorios privados.

"A liberdade de movemento dependerá da situación económica das persoas e iso é discriminatorio", criticou durante o debate a eurodeputada finlandesa da Esquerda Silvia Modig, nunha mensaxe de malestar que comparte a maioría da Eurocámara.

A Eurocámara tiña no seu mandato para negociar o Certificado Covid cos vinte e sete esixir a gratuidade das probas de PCR ou antíxenos -máis baratas- que fosen vinculadas á emisión do documento, xa que consideran que doutra maneira habería diferenzas entre quen é vacinado de maneira gratuíta e quen ten que pagar un test para poder viaxar.

Finalmente non se logrou esta esixencia, pero houbo un compromiso de destinar máis fondos á compra de probas diagnósticas para reducir o seu prezo e asegurar que fosen "asequíbeis" en todos os países da UE.

Comentarios