O lecer nocturno síntese "sacrificado outra vez" polas restricións da Covid-19

A mocidade agarda para acceder a unha das probas piloto do lecer nocturno. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O Comité Clínico impón o fechamento dos locais en 36 municipios a partir deste sábado. Representantes do sector din atopar problemas para que a clientela acuda cos test de antíxenos negativos aos negocios.

Após transcender as distintas restricións que o Comité Clínico e a Xunta van estabelecer en Galiza, o lecer nocturno terá que cambiar as súas condicións de traballo moi pouco despois de reactivar a actividade, que xa levaba parada desde o ano pasado.

O sector síntese molesto por esta situación, malia que na hostalaría en xeral non todo sexan paróns na actividade como viña sendo habitual antes de que decaera o estado de alarma. Malia pasar ao nivel máximo de restricións, por exemplo en Sanxenxo non fecharán de todo bares e restaurantes, algo que antes si era obrigatorio nese chanzo de risco.

O que si quedará sen movemento en boa parte dos concellos é o ámbito das discotecas e locais nocturnos. O presidente da Confederación de Empresarios de Hostalaría da Galiza, Cheché Real, falou a este respecto na cuarta feira lamentando que o mesmo subsector vaia ser “o sacrificado outra vez”.

A partir do sábado permanecerá fechado nos concellos que estean no nivel máximo e tamén no alto de limitacións, de maneira que polo de agora parará en 36 municipios.

Real non descarta que haxa que “fechar dous ou tres semanas” a nivel global dada a situación epidemiolóxica e o aumento dos contaxios entre a mocidade, principal clientela deste mercado.

Ante esta situación, recoñece que as e os empresarios “están moi preocupados”. “Aqueles que pensaban que isto non ía con eles, pois isto si que tamén vai con eles”, afirmou.

Problemas coas condicións de acceso

O resto dos negocios poderá estar aberto até as 3 da madrugada se ben, ao contrario que na hostalaría que opera de día, é preciso entregar proba negativa da Covid-19 ou o certificado de contar coa vacinación completa.

“O lecer nocturno está a ter moitas dificultades cos tests de antíxenos porque a xente di que non os consegue”, destacou o representante do sector, que pediu “responsabilidade individual” para evitar os botellóns e axudar a frear os contaxios.

A Xunta transmitiu esta tarde diversas explicacións ao respecto das novas medidas a voceiras deste tecido empresarial.