Galiza nos postos de cola do Estado en gasto sanitario por habitante

A Xunta destina en 2022 a Atención Primaria 74,8 millóns menos que en 2009

Mobilización en 2019 en defensa de Atención Primaria nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

A contía destinada a Atención Primaria nos orzamentos da Xunta non deixa de caer desde a chegada de Alberto Núñez Feixoo á presidencia do Goberno. Mentres en 2009, último ano de executivo bipartito entre PSOE e BNG, as contas públicas recollían para Atención Primaria un investimento de 1.436 millóns de euros, 13 anos despois, no exercicio 2022, os presupostos galegos achegan 1.389,08 millóns de euros para este servizo sanitario.

A Xunta da Galiza dedica en 2022 a Atención Primaria 74,8 millóns de euros menos que en 2009. A rebaixa nas achegas públicas a este servizo médico prodúcense malia que o que o Produto Interior Bruto (PIB) galego en termos correntes de 2022 é claramente superior a 2009. A maiores, os orzamentos deste de ano de primaria recollen un recorte de máis de dous millóns de euros coa anualidade pasada, dedicándose unha contía importante do mesmo a fins non asistenciais, como a construción de novos equipamentos.

A rebaixa deste ano formalízase nun contexto onde o gasto en Atención Primaria na Galiza se sitúa nos postos de cola do Estado. Segundo os dados fornecidos polo Ministerio de Sanidade para 2018, último ano con cifras, Galiza destina a Atención Primaria 182,3 euros por habitante, situándose só por diante de Madrid con 147,97 euros e as Illes Balears con 178,38 euros. Así, o gasto neste servizo do Goberno galego é 79,4 euros por habitante inferior ao de Estremadura, 73,3 euros por habitante inferior ao de Castela-A Mancha e 61, 6 euros por habitante inferior ao de Nafarroa.  

"Unha aposta dirixida ao desmantelamento da sanidade pública”

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, sinala a Nós Diario que “os orzamentos  da Consellaría de Sanidade para o ano 2022, reflicten  claramente cal é a aposta do Goberno galego pola sanidade pública e pola saúde do pobo galego. Unha aposta dirixida ao desmantelamento da sanidade pública”

“Non podemos quedar só co dato de que os orzamentos do ano 2022 son inferiores na contía económica, aos orzamentos destinados á Atención Primaria no ano 2009, senón que tamén hai que ter en conta a redución dos orzamentos dos últimos anos”, sinala Abuín, quen lembra que “as consecuencias da actual situación que está a sufrir a Atención Primaria son motivadas polo recortes orzamentarios dos últimos anos, que se traduciron en diminución do cadro de persoal, precariedade laboral na contratación e  intento de desprestixio da Atención Primaria ao diminuír a súa capacidade resolutiva”.

O médico do centro de saúde de Outes e secretario da Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, Xosé María Dios, comenta a Nós Diario, que “non se pode facer máis con menos. Coa que está caendo coa pandemia, sumada aos recortes efectuados polo PP nos últimos 12 anos, fai que os orzamentos que se necesitan para unha atención sanitaria de calidade non se poda realizar”.

“Se a escusa para non pór os reforzos que se precisan é a falla de médicos é unha falacia”, conclúe Dios pois “ao MIR preséntanse 14.000 persoas e convocan 6000 prazas”.

Faltan médicos ou vontade política?

“Médicos hai o que non hai é o investimento e a vontade política necesaria para darlles traballo na sanidade pública”, afirma Xosé María Dios, quen cuestiona os argumentos do Goberno galego sobre a falla de profesionais.

“Como que non hai médicos?”, pregúntase Dios, “hainos e moi bos, o que sucede é que están en sistemas sanitarios que valoran o seu traballo. Ou pode pensar alguén que por igual salario e estabilidade a xente marcharía a traballar a sitios afastados?.

Abuín pon “en valor o traballo desenvolvido por todos os profesionais que traballan na sanidade pública, que co seu esforzo mantiveron os niveis de calidade na asistencia sanitaria, a pesares do desmantelamento encabezado por Feixoo”.