A Xunta desouve a petición para reclamar os 11,7 millóns "eximidos" a Greenalia

A directiva de Greenalia, Beatriz Mato, asinando un convenio co alcalde de Ourol, en relación cun parque eólico denunciado por Bará (Foto: Nós Diario).
A denuncia de Adega contra a Xunta por "trato de favor" á empresa enerxética Greenalia chegou esta cuarta feira á Cámara, mais o Goberno galego preferiu non pronunciarse. O BNG solicitou a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, para explicar o que Luís Bará definiu como “caso Greenalia”.

A Xunta da Galiza non atendeu no Parlamento a demanda do BNG de reclamar ao grupo enerxético Greenalia 11,7 millóns de euros correspondentes á monetización do plan industrial asociado aos parques eólicos de Campelo (Coristanco) e Lamas (Baltar).

Precisamente, a Asociación para Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) denunciou hai dúas semanas na Fiscalía a actual secretaria xeral de Industria, Paula Uría, por ditar unha resolución que en opinión da entidade ecoloxista significa “eximir” a empresa enerxética da cal é directiva a antiga conselleira de Medio Ambiente con Alberto Núñez Feixoo, Beatriz Mato, do pagamento dunha importante contía á facenda galega. 

O deputado nacionalista Luís Bará afirmou esta cuarta feira na comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas e Medio Ambiente do Parlamento galego, en relación co expediente dos parques eólicos de Campelo (Coristanco) e Lamas (Baltar), que “isto non hai por onde collelo”.

Nesta liña, lembrou que “estamos diante dun feito extraordinariamente grave, porque supón contravir o previsto na orde reguladora do concurso de 2010, aprobar e darlle validez legal a un suposto plan industrial que foi parcialmente executado antes da adquisición de Kaekias Eólica por parte de Greenalia, aprobar, con carácter retroactivo, un plan que foi executado entre os anos 2015 e 2019, é dicir, antes da solicitude de modificación do plan industrial e renunciar ao ingreso de 11.721.771 euros nas arcas públicas”.

Bará denunciou “trato de favor a Greenalia por parte da Xunta da Galiza, coñecida empresa das portas xiratorias que senta no seu consello de administración dous antigos conselleiros, como son Antonio Couceiro e Beatriz Mato”. Neste sentido, o parlamentario nacionalista insistiu en que “a decisión de eximir Greenalia do pago de 11,7 millóns de euros supera todo os límites” e afirmou a vontade dos nacionalistas de “chegar ao final deste caso”. 

“Por que razón a Xunta fixo prevalecer os intereses dunha empresa privada fronte aos da facenda pública galega?”, preguntou Bará.

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta da Galiza, Pablo Fernández Vila, gardou silencio ante as acusacións de Bará, que reclamou que o Goberno asuma responsabilidades políticas pola súa actuación neste caso. Así, sinalou, que “estamos ante uns feitos extremadamente graves e ademais das responsabilidades xurídicas que se deriven da acción de Adega diante da Fiscalía a Xunta ten que asumir as súas responsabilidades políticas”.

Fernández Vila evitou defender a súa antecesora no cargo e actual secretaria xeral de Industria, Paula Uría. Nesta dirección, remitiuse “ás investigacións da Fiscalía”, amosou “todo  apoio e agradecemento aos funcionarios do servizo” e sinalou que “non imos facer valoración dos feitos antes de coñecer o expediente”, diante da petición de dimisión de Uría formulada por Bará, que reclamou á Xunta "abrir unha investigación interna sobre estes feitos e dirimir as responsabilidades políticas e administrativas que se deriven das graves irregularidades cometidas".

As palabras do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta da Galiza aumentaron as sospeitas nas filas nacionalistas. Así, Bará explicou a Nos Diario, ao remate da comparecencia parlamentaria, que “era evidente que Fernández Vila estaba incómodo, que tiña moi difícil dar unha explicación neste tema, o que explica que se negase a defender a legalidade  do procedemento así como a súa superiora e antecesora no cargo, Paula Uría”.

Francisco Conde

O deputado Luís Bara considera que “non é casual que o director xeral estivera esquivando responder as cuestións que lle formulamos” e que se “agochase ante as nosas demandas”. Nesta dirección, sinalou que rexistraron unha iniciativa na Cámara para que “o vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza e máximo responsábel da área económica do Goberno, Francisco Conde, responda sobre as irregularidades cometidas neste expediente, que xa podemos definir como o caso Greenalia”. 

O caso Greenalia

Luís Bará está convencido de que hai caso na resolución da Xunta da Galiza de "eximir" Greenalia do pago de 11,7 millóns de euros. Neste sentido, a negativa a dar explicacións sobre o asunto no Parlamento da Galiza por parte do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do Goberno galego, Pablo Fernández Vila, non fai máis que aumentar as dúbidas e as sospeitas da oposición parlamentaria e de colectivos ecoloxistas.