O Foro A Toxa volta, de novo co nome deturpado e á busca da participación dun ministro ucraíno

Participación de Felipe VI no Foro A Toxa. (Foto: Europa Press)
Na edición deste ano participarán a ministra española de Defensa, Margarita Robles, os ex presidentes españois Mariano Raxoi e Felipe González e o xefe da diplomacia da UE, Josep Borrell, entre outros.

O IV Foro A Toxa-Vínculo Atlántico, que terá lugar do 29 de setembro ao 1 de outubro na Illa da Toxa, no Grove, recuperará nesta cuarta edición o formato presencial por completo, despois dunha edición telemática e a outra de carácter ‘híbrido’.

O encontro, de carácter neoliberal, foi amplamente criticado nos últimos anos pola deturpación do topónimo da illa na que decorrerá. Porén, nesta nova edición, que foi presentada esta segunda feira, os organizadores seguen a empregar o topónimo “La Toja” no canto da Toxa.

O presidente do foro e ex ministro Josep Piqué participou nunha rolda de prensa celebrada no Hotel Eurostars Madrid Tower para presentar o evento, afirmou que espera que o rei Felipe VI, ao igual que nas tres edicións anteriores, poida abrir a xuntanza. “Sería unha honra”, asegurou.

Por outra parte, Piqué confirmou que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, será o encargado de fechar a cuarta edición do Foro A Toxa, e que a organización traballa para que “haxa unha intervención" do ministro de Exteriores ucraíno, Dmintro Kuleba, e que, mesmo, poida manter un diálogo co seu homólogo español, José Manuel Albares, moderado polo propio presidente do foro.

Organizador do cumio neoliberal

Josep Piqué estivo acompañado polo presidente do Grupo Hotusa, Amancio López. A compañía hoteleira, referente no sector na Galiza, é a encargada de impulsar estas xornadas, nas que se promoven os contactos entre empresas e persoeiros políticos do Estado español.

En 2021, a firma recibiu a concesión dun préstamo participativo por importe de 190 millóns de euros por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e outro ordinario de 51 millóns de euros, ambos os dous con cargo ao Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas creado polo Goberno español para rescatar empresas sistémicas golpeadas pola crise da Covid.

Na tramitación do expediente a SEPI tivo en conta o "carácter estratéxico" do grupo hostaleiro dentro do sector turístico, xa que está presente en 17 países con 219 estabelecementos, 67% no Estado español, e 4.085 empregadas en decembro de 2019.