Voces desde os servizos esenciais: "A situación ten que facernos recapacitar"

Unha empregada da cadea Dia portando unha máscara (Imaxe: Dia)
Persoal do sistema de saúde ou das residencias, labregas, persoal de Correos ou caixeiras e repoñedoras de supermercados forman parte dos denominados "servizos esenciais". Nós Diario   conversa con algunhas destas traballadoras sobre o seu día a día durante a emerxencia sanitaria. Elas piden o apoio da cidadanía para realizar o seu labor e aseguran que o esforzo común axudará a paliar os efectos do coronavirus.  

Loucura. É a palabra que empregan todas as traballadoras de superficies comerciais para describir o ambiente dos primeiros días após o decreto do estado de alarma. "Nunca vira o almacén baleiro, esgotárase todo", lembra José Manuel López, transportista da cadea Froiz na área de Lugo e A Coruña.

"Foi horroroso, caótico", asegura Nieves Montes, traballadora nun Gadis da Coruña e delegada de CCOO. "Semellaba que ía rematar o mundo, que non habería un mañá, a pesar de que as autoridades aseguraban que non existe a posibilidade dun desabastecemento", puntualiza Carlos Méndez, persoal doutro comercio da empresa na urbe herculina e delegado da CIG.

Semellaba que ía rematar o mundo, describe Carlos Méndez

Marta García, empregada nun Froiz en Ferrol, engade que o ambiente no día a día é "tenso". "Ao principio a motivación de moitos era encher o carro, mercando de forma desmesurada. Tratamos de manter os estantes cheos para cando se abran as portas, pero non sempre é posíbel", relata.

Naqueles días de marzo, o persoal botaba en falta protocolos ou material de protección para previr contaxios. "Colleunos a todos fóra de xogo. Vímonos desbordados e houbo compañeiros aos que lles cursaron a baixa, persoal de risco ou traballadoras embarazadas",  di Marta García.

Colleunos a todos fóra de xogo, vímonos desbordados", relata Marta García

"As medidas das autoridades sanitarias tampouco estaban claras", detalla Nieves Montes. "Comezamos coas máscaras e as luvas e instaláronse pantallas de metacrilato nas seccións en contacto máis directo co público, como as caixas", engade. Os comercios da compañía contan tamén con termómetros dixitais, e ofrecen á clientela xel desinfectante e luvas na entrada dos estabelecementos.

"Desde a CIG insistiuse bastante, e agora os transportistas temos luvas e xel desinfectante", di José Manuel López. O persoal foi divido en dúas quendas hai uns días, e el reparte na de mañá. "Antes traballaba as oito horas e o xantar coincidíame en ruta sen ter onde parar", explica.

Andamos cunha botella de auga con xabón para lavar as mans, di José Manuel López

José Manuel López indica que o principal problema para os transportistas é o feche dos estabelecementos nos que descansan. "Andamos cunha botella de auga con xabón para lavar as mans, e teño compañeiros que reparten en Madrid ou que cruzan a fronteira portuguesa e levan con eles o camping gas", conta. 

Concienciar a clientela

A febre adquisitiva descendeu co paso dos días, así como ritmo da reposición e baleirado dos estantes. Porén, na véspera do Xoves Santo regresou a vertixe. "A clientela mercaba como se fósemos fechar para toda a vida e o sábado volveu acontecer", asegura Carlos Méndez. O persoal acusa o estrés e a ansiedade no día a día laboral. "A sobrecarga de traballo continúa a ser un problema", di Nieves Montes.

Nos comercios, as compradoras responden ás medidas de seguridade, afirma Montes, mais en ocasións hai quen se nega a acatar os protocolos. "As compañeiras na caixa piden por favor que se garden as distancias e respóndenlles de malos modos", lamenta Méndez.

Desde os comercios, o persoal pídelle á clientela que planifique as súas compras e que trate de concentralas para minimizar as saídas e o contacto. "Realmente fai falta ir á compra todos os días?", cuestiona José Manuel López.

Temos medo ao contaxio, nós tamén convivimos coas nosas familias, afirma Marta García

"Temos medo ao contaxio, nós tamén convivimos coas nosas familias", expón Marta García, quen lembra que para evitalo cómpre "a colaboración de todos". O persoal tamén reivindica o seu labor antes e durante a pandemia. "Queremos que se recoñeza, que nos traten realmente como servizos esenciais", engade García.

"Coido que esta situación ten que facernos recapacitar á Xunta, a nós e aos consumidores, e quero lembrar aos empresarios que os traballadores son esenciais máis alá da epidemia da COVID-19 cando regulen os horarios comerciais", afirma Nieves Montes. 

O que queda da compra

Ángel Caldelas e Ricardo Méndez traballan en Urbaser, a empresa que xestiona a recollida do lixo no municipio de Santiago de Compostela. Eles recollen os restos das compras dos fogares. "O traballo é o mesmo, pero coa incerteza cando manipulas as bolsas, porque non sabes se nas casas haberá algún contaxio", explica Ángel Caldelas.

O traballo é o mesmo, pero coa incerteza cando manipulas as bolsas, apunta Ángel Caldelas

Cos comercios fechados o nivel de residuos descendeu, a pesar do claro incremento do xerado nas casas. "Déixanse abertas as portas dos contedores porque os primeiros días, sobre todo, atopabamos todas as bolsas ciscadas ao seu redor", conta Ricardo Méndez.

O panorama que percorren nas súas quendas é o dunha cidade pantasma. Ángel Caldelas, que traballa en horario nocturno, apunta que nas noites das quintas feiras "xa non tes que pedir á xente de festa que deixe pasar o camión". "No descanso, tentamos achegarnos a algunha máquina expendedora, pero non sempre é posíbel", di Ricardo. 

Todos colaboramos e todos sermos heroes cando isto remate, asegura Ángel

Ambos os dous lembran a importancia do seu labor a nivel sanitario. "Sanitarios, forzas de seguridade, persoal de supermercados, produtores, nós e quen queda na casa; todos colaboramos e todos seremos heroes cando isto remate", asegura Ángel.