As mans que coidan das maiores residentes

Unha traballadora acompaña a unha residente ao centro medicalizado de Porta do Camiño, en Compostela (Imaxe: Arxina).
Para quen traballa con persoas maiores, fráxiles, a preocupación repártese entre contaxialas da COVID-19 e infectar as súas familias. E a pesar disto, as empregadas das residencias esfórzanse para que as usuarias esquezan, durante uns intres, o temor á enfermidade. "Seguimos aí, coindádoas", asegura María Jesús Iglesias.

Medo, ansiedade ou problemas para conciliar o sono. É a carga que acompaña cada día o persoal das residencias de maiores cando marchan do fogar ao seu lugar de traballo e que os acompaña no camiño de regreso.

Para quen asiste residentes en centros cun alto número de contaxios o día pasa nun tratar de multiplicarse e remata en esgotamento. Quen atende naqueles con contaxios por coronavirus ausentes acumula tensión no esforzo de coidar e protexer as residentes, integrantes dun dos sectores da poboación máis fráxil a un contaxio pola COVID-19. E entre tarefa e tarefa procura animalas fronte a ausencia de visitas familiares. 

Da casa á residencia

Manuel Blanco traballa como enfermeiro nunha residencia de titularidade pública en Caranza, Ferrol. Un dos centros de maiores da Galiza que aínda non rexistrou ningún contaxio por coronavirus. "A situación é diferente da das residencias privadas ou das Urxencias hospitalarias, aínda que pode haber momentos de tensión e ansiedade", conta a Nós Diario.

"O día a día, o traballo, todo virou do revés", engade un compañeiro seu, traballador nunha residencia da área da Coruña que prefire manter o anonimato. No seu centro tampouco se detectaron infeccións. "Estamos nunha burbulla, vendo o que hai por aí, e ás veces até sentes culpabilidade", sinala. Para entreter as usuarias organízanse dúas sesións de cinema diarias.

O día a día, o traballo, todo virou do revés, di un traballador

María Jesús Iglesias é camareira limpadora nun centro de maiores público de Pontevedra. O seu papel é fundamental na prevención de posíbeis contaxios, polo momento ausentes. "Extremamos a limpeza nos pomos das portas, os interruptores, pasamáns e outras superficies de máis contacto", di. No comedor, as mesas que albergaban catro comensais son ocupadas por un.

As maiores do centro recibiron instrucións para a súa convivencia nunha serie de charlas. "Fan caso a todo e sempre nos transmiten moito ánimo", puntualiza María Jesús. Tanto ela como Manuel opinan que as medidas de prevención non se aplicaron coa celeridade necesaria. "Agora estamos ben, mais cando comezamos a poñer en práctica os protocolos fixémolo as présas, en consecuencia, e con ansiedade", di el.

Cando comezamos fixémolo as présas e con ansiedade, di Manuel Blanco

"Eu son delegada do Sindicato de Empregados Públicos da Xunta da Galiza e fun transmitindo as necesidades que compartían comigo os meus compañeiros os primeiros días, cando careciamos de medios", incide María Jesús. A Administración reforzou as traballadoras da limpeza e comezaron a chegar os Equipos de Protección Individual ou as pantallas.

O persoal acusa as semanas que transcorreron baixo o estado de alerta. "O problema é cando entro, porque non sei o que levo comigo, e cando saio e volvo á casa. Teño problemas para conciliar o sono", afirma o compañeiro de Manuel. 

Convivir co virus

Os efectos do estrés son máis fortes nas residencias nas que se detectaron contaxios, especialmente naquelas de titularidade privada e con baixas ratios de persoal por número de usuarias. "A nivel emocional é moi duro. Nos hospitais as pacientes chegan, son atendidas e marchan, mais nós creamos vínculos emocionais coas residentes", asegura Iria Estévez, delegada de Sanidade Privada de Comisións Obreiras na área de Vigo e traballadora na residencia DomusVi do Barreiro.

Iria segue a evolución do centro desde o seu fogar. Illada após unha proba positiva da COVID-19, mantense en contacto co seu día a día a través dos medios de comunicación e as mensaxes das súas compañeiras. Onte, os contaxios ascendían a 64.

A nivel emocional é moi duro asegura Iria Estévez

"Entre o persoal hai medo porque non estamos formadas para unha situación coma a actual", afirma esta delegada sindical, engadindo que nos centros "unha gran parte das persoas son dependentes. "Precisan da nosa axuda, do noso contacto, para xantar ou lavar a cara e a nós preocúpanos contaxiar as nosas familias", di.

Socorro González, delegada do comité de empresa da CIG, traballou durante unha semana na residencia medicalizada Porta do Camiño, en Compostela. "Eu traballo nun centro de día, mais como están fechados chamáronme para ir alí, a semana foi moi dura", comparte. Persoal de servizos xerais, as súas tarefas consistían en lavar os uniformes, roupa de cama ou camisóns das doentes por coronavirus. Hoxe fica na súa casa, agardando dúas semanas para asegurarse de que está sa antes de volver ao centro. Comparte fogar con súa nai, dependente. 

Reivindicar os coidados

"Esta situación visibilizou o que levamos tempo denunciando: o persoal non é suficiente, sempre traballamos baixo mínimos", denuncia Iria Estévez. 
Case ao final da conversa, Iria reivindica o papel das súas compañeiras. "O traballo que realizan, o coidado das persoas maiores, o labor de facer que os seus momentos no centro sexan o máis agradábeis posíbel", conclúe.

"As residentes sábeno e agradécennos en todo momento o noso traballo, saben que temos as nosas familias pero que seguimos aí, coidándoas", conclúe María Jesús Iglesias.