As transportistas exixen elementos de protección sanitarios para poder traballar

As transportistas advirten de que a falla de seguridade pon en risco a cadea de subministro de alimentos.
Camións de transporte (Foto: Nós Diario).
photo_camera Transportes, camións

As transportistas, a través da Organización Empresarial de Loxística e Transporte (UNO) séntense desprotexidas e piden  aos ministerios de Sanidade e Transportes o subministro de material de seguridade sanitario básico para as súas empresas co fin de evitar problemas na cadea de subministro e garantir que os alimentos cheguen aos fogares. 

Neste senso, o presidente da asociación, Francisco Aranda, vén de solicitar ao Goberno que as traballadoras do sector formen parte do segundo gran grupo de prioridade, após as profesionais da saúde, na asignación de xeles, máscaras e guantes, co gallo de garantir o subministro a estabelecementos de alimentación, de produtos de primeira necesidade e farmacéuticos ou o reparto a domicilios durante a crise.

"É fundamental salvagardar a súa seguridade, porque son un colectivo fundamental no abastecemento e porque dotándolles destes elementos podemos previr un aumento de casos de coronavirus", destacou Aranda.

A alimentación, prioritaria

Segundo os datos da asociación, desde a entrada en vigor do estado de alarma, o sector loxístico incrementou 15% as operativas vencelladas ao comercio electrónico, relacionado con produtos de alimentación, primeira necesidade e parafarmacia, ao tempo que viviu un descenso importante nas vencelladas ás actividades afectadas polo estado de alarma.

"As empresas están a priorizar o reparto e abastecemento de alimentación, farmacias e produtos de primeira necesidade, tanto no subministro a estabelecementos de alimentación e farmacias para a reposición diaria de produtos coma no reparto a domicilio de comercio electrónico, onde tamén se priorizan os prouctos de alimentación, nutrición e hixiene", indicou o directivo.

Comentarios