"Nas farmacias non temos máscaras nin para nós mesmas"

María José Gómez (FeFGa)
María José García Gómez, presidenta da FeFGa, Federación de Farmacias de Galiza. 

Como está a situación agora mesmo nas farmacias galegas?

Tivemos varias etapas. Os primeiros días a xente acumulaba moitos medicamentos, agora xa se deron conta de que non había problema de subministración. A gran demanda, neste momento, é de máscaras. Non damos abasto. Non temos nin para empregar nós mesmas.

Falta de previsión nese tema?

Atopámonos en certo modo algo abandonadas polas Administracións, por non axudarnos a ter máscaras. Nós fixemos un pedido delas mais foron incautadas. Agora temos farmacéuticas e farmacéuticos falecidos pola COVID-19 e máis de 200 ingresadas no Estado español. Non se nos facilitaron medidas para estarmos protexidas nós e o noso persoal. Pola contra, temos a denuncia dun sindicato por non protexer as nosas traballadoras cando o verdadeiro problema é que non conseguimos material de protección. Debería ser a propia Administración a que nos facilitase ese material xa que foi ela a que incautou o que tiñamos encargado. É urxente para dar un servizo á poboación e non contaxiar nin pasar a ser transmisores do virus. 

"Aínda non hai coordinación entre administracións e farmacias na Galiza" 

As farmacias convertéronse nos puntos sanitarios máis próximos ás persoas. Vívese igual nas cidades que no rural?

En ambos os casos as farmacias son o que lles queda á xente. Os primeiros días cando se deu o aviso para que non se acudise aos centros de saúde nin aos hospitais cando tivesen febre, a poboación viña ás farmacias mesmo para tomarlles a temperatura. Onde podían ir? Daquela chamei á Administración, á Subdirección Xeral de Farmacia, para pedirlles que comunicaran á xente que non fora ás farmacias en substitución dos centros de saúde. Froito desa penosa situación tivemos que sacar de enxeño e as consecuencias pagámolas con farmacéuticas contaxiadas e falecidas. E farmacias fechadas. Somos o punto de atención sanitaria máis próximo á poboación e agora mesmo o único que hai en moitas vilas após o feche dos centros de saúde. 

Levamos varias semanas de confinamento. Non hai coordinación entre as Administracións e as farmacias?

Aínda non. Creo que están apagando os lumes máis urxentes nos hospitais, conseguir camas e máis UCI. Entendo que a situación é a que é, e hai cousas que poden ser secundarias. Sabemos que hai un convenio para que todo funcione, mais polo de agora non está en marcha. Tentámolo facer as farmacias mais é certo que non todas temos a capacidade de atender as súas usuarias e usuarios desta maneira. 

Como se organizaron as farmacias?  As farmacias que teñen posibilidades están levando os medicamentos ás casas fóra das súas horas de traballo. No meu caso particular é o que estou facendo, recibo chamadas todos os días para pedirme que lles achegue os medicamentos. Por outro lado, informouse de que había unha rede de voluntariado para levar os medicamentos ás casas e non é certo. Nós estamos levando os medicamentos cos nosos medios, co noso esforzo e fóra das nosas horas de traballo. Algunhas veces mesmo coa incomprensión de quen critica que non saibamos onde están os seus domicilios, cando en realidade esa non é a nosa función. A xente pensaba que quen lle levaba os medicamentos eran voluntarias do concello que debían coñecer as rúas do rural. 

Que opina do excesivo prezo das máscaras nas farmacias que as teñen? 

Nós traballamos cunha marxe moi baixa en relación a outros sectores, mais non podemos vender por debaixo do prezo de custo. Agora mesmo hai canles de distribución que non son as mesmas que tiñamos antes coas nosas cooperativas e as nosas distribuidoras por estar sen ese material. Pola contra entraron outras distribuidoras que veñen doutros sectores e nada teñen que ver coa farmacia. Tentan facer negocio e aprovéitanse da situación. Chaman e ofrécennos xel hidroalcohólico e máscaras a uns prezos desorbitados. Eu entendo que hai xente que por dar o servizo merca e teñen que vendelas caras pensando que mellor é iso que estar desprotexidas. A min persoalmente ofrecéronme máscaras a prezos que eran indecentes. En Francia chegouse a limitar as tarifas destes especuladores, mais aquí non están limitadas. 

As demandas das farmacias galegas

No Estado español contabilizáronse 276 profesionais ingresadas ou en corentena e 8 falecidas por coronavirus. Na Galiza, os datos, polo de agora, son menores e hai seis farmacéuticas hospitalizadas ou en corentena e catro estabelecementos que teñen algunha traballadora contaxiada. A COVID-19 provocou, ademais, o feche dunha farmacia. A Federación de Farmacias da Galiza (FEFGA) ten solicitado desde o inicio da crise sanitaria equipos de protección individual para as súas profesionais. Outra das demandas deste sector, polo de agora non atendida, é a coordinación no reparto de medicamentos a domicilio que hoxe por hoxe realizan fóra do seu horario de traballo. As farmacias galegas propuxeron no seu día aproveitar a rede propia a través das súas cooperativas e sen custo para a Administración.