Contra as violencias machistas, contra a invisibilidade

A artista Nana creou en Tui un mural contra a violencia de xénero.
Nun ano no que o impacto, brutal, da Covid-19 ameaza con esvaecer calquera outra realidade, unha data como a de hoxe serve para nos lembrar que, semanas antes da pandemia, a violencia machista acabara coa vida de Manuela Iglesias e Clara María Expósito e que aínda no confinamento os xulgados acumularon centos de denuncias de mulleres por unha situación que non cesa por máis que se invisibilice. Plataformas feministas, colectivos e voces individuais chaman hoxe á mobilización, malia as restricións, para que iso non ocorra.

O  impacto do coronavirus fixo  mudar a orde de de prioridades das Administracións para tratar de frear as consecuencias sociosanitarias e económicas dunha pandemia que leva oito meses marcando a actualidade. Mais o mundo non parou aquel 14 de marzo no que se declaraba o primeiro estado de alarma que abría un período inédito, primeiro de confinamento e despois de incerteza e esa.

Esta unha das alertas que lanzan neste 25-N Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, as entidades, asociacións e colectivos que neste 25-N queren poñer a atención sobre todas as mulleres que tamén este ano sufriron o machismo agravado polas consecuencias emocionais, laborais e de recursos que trouxo a Covid.

 Que a violencia contra as mulleres seguiu operando durante os meses de reclusión domiciliaria sábeno no dispositivo de garda de atención psicolóxica para vítimas do Colexio de Psicoloxía, que actúa de urxencia no momento posterior a un incidente agresivo, e que se reforzou durante aqueles meses para seguir prestando o servizo de maneira telefónica.

"As denuncias si baixaron no confinamento, pero non os casos. Ao contrario, incrementaronse as agresións e a virulencia das mesmas", confirma Fátima Rodríguez, coordinadora desta quenda, quen salienta a axilidade do Colexio para activar "desde o primeiro momento" o seu plan de continxencia para reforzar a atención "e para recomendar ás Administracións que fixesen o mesmo". 

"Ante unha situación como esta pandemia global, todos  e todas estamos expostas e estrés continuado, pois é unha emerxencia que nunca antes viviramos. Nas mulleres vítimas de violencia e nos homes que a exercen xa había risco previo así que a vulnerabilidade medra. Isto é algo que está documentado: nunha situación de crise a violencia interpersoal –e non só de xénero– aumenta", expón, para apuntar que neste período tamén as mulleres mudaron as estratexias para afrontar a súa situación e protexerse, a si mesmas  e ás persoas ao cargo, nos momentos críticos, como son a ruptura, a denuncia e a saída do fogar. Neste sentido, indica, no confinamento reducíronse as denuncias pero aumentaron as chamadas ao teléfono de atención 016.

En efecto, as estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial constatan a diminución das denuncias que chegaron aos xulgados galegos no segundo trimestre deste ano. Foron 1.489, 7,3% menos que no exercicio anterior, ás que se suman outras 1.397 correspondentes ao primeiro trimestre, cando as restricións comezaron a ter impacto. As chamadas ao 016 entre xaneiro e setembro sumaron 2.561, segundo os datos da Delegación do Goberno estatal, que contabiliza na actualidade 3.732 casos activos de violencia machista.

Incertezas

Como certifica a presidenta de Asocim, a asociación galega  de profesionais de Centros de Información ás Mulleres (CIM), Montserrat González, se algo quedou patente após o confinamento é a "angustia" e a "ansiedade" que a situación sanitaria e social derivada da pandemia bota enriba das usuarias destes servizos.

"Enriba da problemática que xa tiñan pola súa situación persoal está a incerteza dun futuro económico, laboral e social no que non saben como van saír adiante", expón a experta, lembrando que as mulleres son as principais prexudicadas do impacto sociolaboral do virus. "Economicamente desde logo, porque onde a economía xa favorecía o sector masculino, con isto teremos aínda máis paro feminino, máis incidencia nos ERTE, máis emprego parcial e reducións de xornada, máis traballo somerxido e máis coidados, porque elas son as que máis están na casa", advirte.

Galiza conta cunha rede de 82 CIM, un recurso de titularidade municipal dirixido a proporcionar asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral e información en materia de recursos e de igualdade de oportunidades. Segundo un estudo realizado pola Fegamp –a Federación galega de municipios e provincias– e dado a coñecer onte, até 17.000 mulleres foron atendidas nos centros galegos en 2019.

 As conclusións deste traballo apuntan á necesidade de adecuar o financiamento que perciben ás prestacións reais dos CIM, á conveniencia dunha estratexia sobre a súa localización que atenda a realidade xeográfica e demográfica galega e a urxencia de dotalos de máis recursos materiais e humanos. A este respecto, o estudo dá un exemplo: só 5% dos centros contan co perfil de auxiliar administrativo que alivie a carga burocrática ou que evite interrupcións na atención ás usuarias por "ter que abrir a porta ou coller o teléfono". 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]