Só o 47% dos Centros de Información á Muller contan con asesoría xurídica e psicolóxica

Imaxe de arquivo dunha muller camiñando pola muralla lucense. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de publicar o seu primeiro estudo sobre a organización, traballo e xestión dos 82 CIM que existen na Galiza.

Case a metade dos Centros de Información á Muller (CIM) existentes na Galiza carecen do persoal mínimo exixido para facer fronte ao asesoramento xurídico e psicolóxico ás usuarias. É unha das conclusións do informe da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) sobre estes espazos de atención que existen no país.

Segundo explicaron as e os profesionais consultados, existe “dificultade para prestar unha atención de calidade pola grande demanda e a falta de medios materiais e humanos”. Ao fío falaron da falta de auxiliares administrativos para atender as tarefas burocráticas.

Non é estraño tendo en conta que o ano pasado pasaron por estas dependencias unhas 17.000 galegas, que solicitaron información ou axuda.

Outra das cuestións a modificar é ampliar a rede de CIM ou o rango de influencia das infraestruturas que xa existen, pois no 2019 (ano que analiza o informe) cinco comarcas non contaban con ningún tipo de cobertura.

O resto estaban atendidas ou ben por contar coa súa propia oficina ou por estar na área de influencia dalgunha instalación con servizo a poboación de fóra do municipio. Dos 82 centros, 74 participaron na enquisa e son o 67,56% os que atenden a mulleres de localidades das contornas. Entre estes estarían os de Vigo, A Coruña, Ferrol e Ourense.

No resto das cidades son exclusivamente de ámbito municipal, pero a poboación galega está atendida case ao 50% nas grandes urbes.

Atendendo á mostra de referencia, a oficina de Vigo foi a que máis xente asistiu (1.090) e a de Quiroga a que tivo menos demanda (50), mais a media acostuma a ser de 195 veciñas por CIM. Iso si, a Fegamp fai fincapé en que son as zonas costeiras as que teñen unha rede máis completa.