Deforestación, comercio ilegal e cambio climático alentan a alza das zoonoses

Pedro Romero Vidal sostén un piche patagónico (Zaedyus pichiy) coñecido tamén como armadillo da Patagonia (Arxentina). (Foto: Nós Diario)
O biólogo e investigador galego Pedro Romero Vidal chama a investir en investigación para controlar o impacto das doenzas de orixe animal, tanto das emerxentes como das coñecidas de vello.

As zoonoses representan unha gran porcentaxe de todas as enfermidades infecciosas identificadas nos últimos anos, mais tamén explican moitas das xa existentes. Segundo a Organización Mundial da Saúde coñécense máis de 200 tipos, doenzas de orixe animal provocadas por diferentes patóxenos que se transmiten a humanos ocasionando un importante problema de saúde pública. 

A Covid-19 e agora a varíola do mono son os exemplos máis recentes. Unha enfermidade emerxente e outra endémica en África, cuxa alerta global non se produciu até que deu o salto cara o norte.

"Isto non é novo. Algunhas das doenzas que máis problemas de saúde pública causaron ao ser humano viñeron dos animais, incluída a peste. O que pasa é que as zoonoses son moi diversas e agora semella que se están a facer máis frecuentes".
Pedro Romero Vidal (A Coruña, 1990) é biólogo da conservación e traballa na Universidade Pablo de Olavide (Sevilla). Actualmente desenvolve o seu labor na Estación Biolóxica de Doñana e centra boa parte da súa investigación no tráfico ilegal de fauna e nos efectos que esa actividade ten sobre as propias especies, os seus ecosistemas e as comunidades locais.

Segundo explica, o auxe das zoonoses ten moito que ver co seu ámbito de estudo, o comercio ilegal de especies animais, mais tamén coa actividade invasiva do ser humano na contorna natural, a perda de biodiversidade e o cambio climático.

Unha ameaza en auxe

"O tráfico ilegal pon en contacto fauna salvaxe que pode traer enfermedades con seres humanos, mesmo con gando ou animais domésticos que poden converterse en vectores de transmisión, como sucede coa gripe aviaria en Asia". 

O impacto das persoas no medio natural é outro factor chave. "A deforestación corrompe os ecosistemas e provoca desaxustes na ecoloxía que normalmente posúen estes patóxenos. Se habitualmente infectan determinados animais e nós destruímos os seus hábitats aumentamos as posibilidades de que se produzan saltos de patóxenos a hóspedes pouco frecuentes, como as persoas".
Por outra parte, destaca Romero Vidal, estamos accedendo a zonas antes impenetrábeis. "A medida que nos adentramos na selva entramos en contacto con novos patóxenos e abrimos a porta a zoonoses até agora descoñecidas".

O biólogo tamén sinala o impacto do cambio climático, sobre todo no caso das zoonoses transmitidas por vectores. "Se mudan os patróns climáticos pode suceder que certos vectores que antes non vivían nunha zona agora se desenvolvan ben. Por exemplo, no sur da península Ibérica, o mosquito tigre é un vector de transmisión de virus bastante perigosos como o do dengue, o do chikungunya o do zika. Se o clima vira máis cálido este mosquito pode viaxar até zonas onde non era habitual e levar consigo estes patóxenos".

Investigación

Ante o auxe das zoonoses, Romero Vidal asegura que o máis importante é a investigación. "A estas alturas vai ser difícil frear algúns dos procesos desencadeados pola actividade humana. Se queremos controlar esta alza hai que investigar, tanto posíbeis vacinas contra doenzas emerxentes ou xa coñecidas, como a malaria, como os propios patóxenos, in situ, ademais dos procesos que dan lugar a estes saltos de patóxenos entre animais e persoas".

Zoonoses: doenzas diversas de orixe animal

"As zoonoses son moi diversas", afirma Romero Vidal. "Poden transmitirse de forma directa, de animal a persoa, como no caso do ébola ou do VIH, por contacto estreito ou consumo; ou poden transmitirse a través de vectores: mosquitos ─dengue─, carrachas ─febre hemorráxica de Crimea-Congo─ ou moscas ─tse-tsé─ que pican as persoas e contaxian os patóxenos zoonóticos".

Estes poden ser virus, como o da Covid ou do varíola do mono; pero tamén bacterias, como a Chlamydia psittaci, responsábel "dunhas pneumonías bastante fortes" que transmiten os papagaios; protozoos, como o da malaria; ou parasitos. "Unha das zoonoses máis comúns e descoñecidas en Europa é a toxoplasmose, provocada por un parasito frecuente en gatos cuxo contaxio se dá por contacto directo ou polo consumo de auga ou alimentos contaminados.