"Histórica" recomendación da OMS ao uso da vacina da malaria en crianzas de África

Uns 260.000 menores de 5 anos morren anualmente por esta doenza.
malaria_oms
photo_camera A Mosquirix podería evitar a morte de 23.000 crianzas cada ano (Foto: OMS)

A OMS deu onte a súa recomendación para que a única vacina aprobada contra a malaria se distribúa entre a poboación infantil da África subsahariana e doutras rexións de risco. Esta doenza mata case medio millón de persoas cada ano, entre estes uns 260.000 menores de 5 anos. 

A decisión supón un paso crucial para lograr maior investimento na súa produción e distribución. Por exemplo, que sexa incluída no catálogo da alianza para o acceso ás vacinas (GAVI). E chega máis de tres décadas despois de que os científicos da británica GlaxoSmithKline comezasen o seu desenvolvemento.

A malaria transmítese pola picada das femias dos mosquitos. A vacina ─chamada RTS,S ou Mosquirix─ evita que o parasito que accede ao sangue non chegue ás células do fígado, onde aniña e se multiplica antes de volver ao rego sanguíneo e estenderse por todo o corpo causando a morte.

Mosquirix eleva o sistema inmunolóxico das crianzas para combater o Plasmodium falciparum, o máis letal dos cinco parasitos que causan malaria e o máis abundante en África

Segundo un modelo de predición elaborado o ano pasado, podería previr anualmente 5,4 millóns de casos e a morte de 23.000 crianzas. Nos ensaios clínicos ofreceu unha eficacia de arredor de 50% contra os casos severos durante o primeiro ano, aínda que caeu até cero a partir do cuarto. Porén, combinada con outros medicamentos de prevención, ofreceu unha alta eficacia.

Ter unha vacina contra a malaria que é segura, moderadamente efectiva e que está lista para poder ser distribuída é "un acontecemento histórico", declarou o investigador español Pedro Alonso, director do Programa Global contra a Malaria da OMS.

Dengue

Tamén onte se daban a coñecer os avances en investigación para loitar contra o dengue ─enfermidade, neste caso, causada por un virus─. Un equipo internacional de investigadores desenvolveu un inhibidor ultrapotente, probado en ratos, que demostrou ser "excepcionalmente eficaz" contra todas as variantes do virus.

Esta molécula antiviral foi desenvolvida por investigadores do Instituto Rega e do Centro de Deseño e Descubrimento de Fármacos (CD3), os dous en Bélxica, e pola farmacéutica estadounidense Janssen, coa colaboración de centros de investigación de Alemaña, Canadá e Francia.

O dengue infecta cada ano 400 millóns de persoas e mata varios miles, cifras que, co avance dos efectos do cambio climático, serán mesmo peores. A OMS incluíu a doenza na lista de dez ameazas para a saúde mundial

Comentarios