A varíola na Galiza

Sanidade pide "tranquilidade" á espera de confirmar os tres casos sospeitosos de varíola do mono

Xa hai máis dun cento de casos confirmados no mundo. (Foto: Pavlo Gonchar / SOPA Images / DPA)
Reino Unido (56), Portugal (37) e o Estado español (34) lideran os casos confirmados desta epidemia de 'monkeypox' no mundo.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apelou esta terza feira á "tranquilidade" no tocante á situación da varíola do mono na Galiza, e espera coñecer en breve os resultados das análises dos tres casos sospeitosos detectados, que contan "con patoloxía leve" e non hai ingresados, tras recibir a alta o que si estaba no hospital por unha "patoloxía asociada" que padecía.

O titular de Sanidade lembrou en rolda de prensa que, após a alerta do día 17 de maio, a Xunta elaborou un documento "propio", que se distribuíu na quinta feira e na noite da sexta enviou o Ministerio as actualizacións, tras o que a Galiza volveu adaptalo esta segunda feira e a remitilo definitivamente aos centros sanitarios do país.

Comesaña admitiu que semella haber un "número importante de probas" para facer en todo o Estado español, polo que Galicia segue "esperando" os resultados deses tres casos sospeitosos remitidos. "Esperamos que sexan poucas horas. Entendo que irá por orde de chegada", abundou. Con todo, remarcou que "non teñen ningún vínculo epidemiolóxico" os tres pacientes.

O conselleiro insistiu en que se trata dunha "cuestión importante" que "hai que resolver ben" e que "tivo unha resposta moi rápida", polo que apelou á "prudencia e tranquilidade" porque "as cousas se están a facer ben". "É unha situación que, sendo importante, non é a que vivimos nos últimos meses", concluíu.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, afirmou que se achegan os criterios epidemiolóxicos para definir un "caso posíbel" de varíola do mono e, en especial, incídese en que "o factor que máis ten que chamar a atención son as vesículas en todo o corpo".

E a pregunta "fundamental" é en relación a se a persoa "tivo unha conduta sexual de risco", como indica o Ministerio. De ser así, farase unha toma de mostra e enviarase ao centro estatal que a analizará. Aconséllase que o caso sospeitoso realice unha vida co menor contacto posíbel con outras persoas.

A monkeypox no mundo

Até 18 países confirmaron xa casos positivos de varíola do mono —monkeypox, en inglés—, co que o cómputo global supera a centena. Nas últimas horas notificaron novas infeccións o Reino Unido —cuxo total de infeccións ascende a 56—, os EUA —un total de tres—, Italia —cinco— ou Portugal —37—.

No Estado español, aliás, ascenden a 34 os positivos confirmados, polo que é o terceiro territorio do mundo con máis contaxios, após Portugal e o Reino Unido.