'Tui', 'Oubiña Negra' e 'Rebordáns', as tres variedades chave do pan de millo

Mazarocas de millo amarelo da variedade 'Tui'. (Foto: CSIC).
Finaliza un estudo piloto para fomentar o cultivo de millo "panificábel e sustentábel" na Galiza. A iniciativa analizou varias poboacións autóctonas para seleccionar as que mellores resultados agronómicos e panadeiros ofrecen.

'Tui', 'Oubiña Negra' e 'Rebordáns'. Son as tres variedades autóctonas de millo seleccionadas polas súas calidades agronómicas e panadeiras no marco dun proxecto piloto desenvolto polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a panadaría Da Cunha (Carral) para obter pan de millo de máxima calidade en distintas zonas de cultivo da Galiza.

O estudo, iniciado en 2019, desenvolveuse en dúas fases. Nas campañas de 2020 e 2021 levouse a cabo o cultivo, análise e selección de variedades de millo panificábel nas localidades de Ribeira, Carral, Pontevedra, Ponte Caldelas e Xinzo de Limia. En total, fixéronse ensaios con 14 variedades de millo amarelo, branco e negro do banco de xermoplasma da Misión Biolóxica da Galiza (MBG), que alberga un cento de variedades galegas.

"Das variedades amarelas os mellores rendementos obtivéronse coa 'Osoro', con sete toneladas por hectárea na campaña de 2021" e a 'Tui', cunha produtividade similar, explica Rosa Ana Malvar, xefa do grupo Xenética e Mellora de Millo da MBG. Con todo, precisa, "esta ten menor humidade en recolección, o que facilita a conservación e procesamento do gran". 

Entre as variedades brancas, tres ofreceron un rendemento similar, polo que a elección baseouse nas probas de calidade da fariña e do pan. En canto ás variedades de millo negro, 'Oubiña Negra' amosou "un rendemento moi bo superando as 8,5 toneladas por hectárea nas localidades de Ponte Caldelas e Pontevedra".

Millo autóctono de calidade

Os parámetros de calidade da fariña de millo e do pan de millo analizáronse nos obradoiros da panadería Da Cunha, a cargo da USC. A variedade amarela Tui resultou de "moi boa calidade panadeira", concluíron. En canto ás poboacións brancas, 'Rebordáns' foi a elixida entre as que tiñan un comportamento agronómico similar. De 'Oubiña Negra' aínda non se coñecen todos os parámetros de calidade, se ben, indican un gran parecido con 'Carballeira', outra variedade de millo negro que amosou menor rendemento agronómico.

O principal logro destete proxecto piloto "é a elección de variedades de millo de distintas características adaptadas a distintos ambientes, que axudará a diversificar o campo galego facéndoo máis rendíbel e sostíbel", destaca Malvar, ademais de constituír un incentivo para "volver traballar con pan de millo", sinala Manuel Da Cunha

"O pan de millo é un produto tradicional galego cuxo consumo diminuíu, e con el, o cultivo de variedades autóctonas. Mais as novas tendencias nos hábitos de consumo piden volver a el. Agora mesmo para a súa elaboración só dispoñemos de fariñas de variedades procedentes de Francia ou Portugal, debido á perdida de patrimonio vexetal autóctono", di, de aí o interese desta iniciativa que chama a "obter millo autóctono de calidade, protexer variedades autóctonas, recuperar o cultivo de millo como alternativa de rotación e fomentar o consumo de fariñas de baixo índice de glute", conclúe.