A crise abre as portas a recuperar o potencial perdido na produción de millo para pensos

O país presenta excedentes no que atinxe á produción para forraxes, porén o millo para pensos ten aínda moito potencial.
Agricultura (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A climatoloxía e a dispoñibilidade de auga condicionan os agricultores á hora de optar pola produción de millo para pensos. (Foto: Xunta da Galiza)

Abril e maio son meses propicios para sementar o millo na Galiza, xa que, ao contrario doutros territorios nos que xa en marzo a temperatura do solo é óptima, aquí o arranque da primavera adoita ser frío. Estamos, pois, nun momento chave para ver se o cultivo deste cereal volve recuperar parte do terreo perdido. 

O argumento para facelo sería fundamentalmente económico. Segundo o índice de prezos dos alimentos elaborado pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), en marzo o millo subiu 19,1% o seu prezo a nivel mundial, o que afecta directamente ás forraxes e aos pensos para o gando, nomeadamente o vacún de carne e de leite. 

Como sinalaba nunha entrevista esta semana a a xefa do grupo de Xenética e Mellora de Millo da Misión Biolóxica da Galiza ─dependente do CSIC─, Rosa Ana Malvar, o país era antigamente "a rexión milleira por excelencia". Porén, actualmente ocupa o undécimo posto no Estado español no que atinxe á produción de millo para penso.

Neste senso, Malvar sinala que, se ben o seu cultivo é posíbel en todo o país, os condicionantes climáticos farían que os ciclos fosen máis curtos, o que afectaría ao crecemento da planta e tamén ao tempo que ten o gran para encher.

Materia pendente

A Galiza ofrece vantaxes para o cultivo de millo como é o feito de que as plantacións pódense facer sen regadío pola cantidade de choivas, aínda que a experta do CSIC apunta que, nun ano seco como 2020, se non hai rega adicional, "a produción veríase moi afectada".

A produción de millo para pensos é, pois, a materia pendente na Galiza, xa que, a diferencia do millo para ensilaxe (forraxeiro), do que o país é excedentario, no caso dos pensos aínda hai moito percorrido. Con todo, a decisión última e dos agricultores e das agricultoras, normalmente en función dos prezos. 

Se a Galiza quere ser ser autosuficiente, ao agricultor tenlle que compensar producir os produtos básicos. Se non lle compensa, irá a buscalos a mercados como o ucraíno ou, agora que o Goberno español eliminou ás restricións, a outros como o brasileiro ou o arxentino, con menos controis de calidade pero máis baratos.

Con todo, no actual escenario de prezos altos, as expertas do CSIC consideran que o campo galego atópase ante a "oportunidade" de volver ser unha potencia de millo para a elaboración de pensos. Francia, onde existe un especial respecto por garantir o abastecemento das materias primas, debería ser, segundo elas, un exemplo a seguir. 

Axudas para sementar

Tamén os sindicatos agrarios da Galiza defenden a necesidade de que o país teñan unha base propia de alimentación, para o que piden a complicidade das administracións en forma de axudas.

Nesta liña, a Comisión Europea fixou dúas excepcións ─á diversificación de cultivos e ao mantemento de superficies de interese ecolóxico─ na normativa comunitaria da PAC, co que  os agricultores poderán plantar millo sen pór en risco o acceso ao pago verde, unha axuda que remunera as prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.

Millo forraxeiro

No caso do millo forraxeiro, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) vén de publicar o documento actualizado dos ensaios sobre o valor agronómico das variedades comerciais deste cereal na Galiza.

No mesmo, recomenda ter en conta á hora de elixir unha variedade o ciclo que resulte máis axeitado ao clima da zona. Estes ensaios véñense facendo desde 1999 en terreos situados nas comarcas de Sarria, Trasdeza, Ordes e a Mariña Oriental.

Pero non son as únicas. Na Limia, unha das zonas que se pode beneficiar da relaxación das restricións do Goberno español sobre terreos en barbeito, están a experimentar coa produción de millo en gran, un cultivo que, como sinalan as persoas investigadoras, constitúe unha alternativa "moi adecuada" após o da pataca.

Comentarios