Asfareba informa de denuncias de acoso laboral nunha residencia pública en 2019

Residencia Concepción Arenal da Coruña, de titularidade pública e xestionada por Domus Vi (Imaxe: Google Maps).
As querelas detallan a falta de persoal previo á epidemia da COVID-19

O 17 de marzo, a empresa DomusVi fixo público un comunicado no que, consciente da "alarma social" xerada pola epidemia e as "noticias publicadas nos medios de comunicación", asegurou que as "únicas canles de información veraz" sobre as súas residencias son "os profesionais", a "web" e as "redes sociais".

Fronte as denuncias de asociacións de familiares, como Asfareba na Galiza, DomusVi afirmou que nos centros se cumpría "escrupulosamente cos protocolos e medidas de hixiene e prevención". Trece días despois, a Xunta da Galiza interviu as residencias da empresa en Cangas, e no Barreiro, en Vigo, "tras o elevado número de positivos por coronavirus" en persoal e usuarias. 

Denuncias do persoal

As familiares, que presentaron o pasado sábado unha nova denuncia perante a Fiscalía, aseguran que as eivas dos centros son anteriores á emerxencia sanitaria. E exemplificárono achegando a este medio tres denuncias de traballadoras sanitarias da residencia Concepción Arenal da Coruña, de titularidade pública mais xestionada por DomusVi.

Belén Canosa, a letrada que representa as demandantes, sinala que segundo as súas testemuñas "o centro arrastra problemas por falta de persoal desde hai meses". Esta eiva, engade en declaracións a Nós Diario, radicaría "nas precarias condicións laborais que ofrece o centro".

"Na residencia non traballaba ningunha enfermeira na quenda de noite, ao contrario do que estipula a normativa, e as súas funcións eran cubertas por auxiliares sen os coñecementos necesarios. Cometéronse erros na administración da medicación, por exemplo", relata Canosa.

Nun informe requirido á Consellaría de Política Social sobre as inspeccións realizadas no centro, ao que tamén tivo acceso este medio, detállase que nas visitas realizadas en outubro e decembro non se contaba con persoal de enfermaría as 24 horas.

As denunciantes, unha doutora e dúas enfermeiras que na actualidade se atopan de baixa, acusaron a dirección do centro de presunto acoso laboral tras recibir presións para non protestar polas eivas detalladas.

Paralelamente ao curso das demandas, no mes de decembro, unha das denunciantes presentou unha nova querela contra a dirección do centro por "suposto delito de homicidio por imprudencia profesional grave".

Os feitos denunciados remóntanse ao 12 de decembro, cando tivo constancia, a través do testemuño dunha compañeira, do falecemento dunha usuaria a noite anterior sen, supostamente, a asistencia durante oito horas de persoal médico ou de enfermaría.

Segundo consta na denuncia, do persoal médico titular unha profesional atopábase de baixa, outra de vacacións e outra non cubría a quenda nesa noite. As auxiliares terían contactado co 061 sen poder detallar a gravidade da súa situación. Cando chegou a ambulancia cun profesional médico, a usuaria xa falecera.

O curso das tres demandas foi interrompido pola epidemia da COVID-19. "Tamén a querela ficou conxelada", apunta Canosa, quen expresa que "os casos mencionados repercuten na situación actual de contaxios". "A falta de persoal, de coidados básicos, está relacionada", conclúe.